En portadaÚltima horaVídeos

A Rúa recibe á familia de refuxiados ucraínos que vivirá na vila

Os pequenos do CD Rúa entregábanlle aos nenos camisetas do club de fútbol local

 

Ultimamente, sen apenas trens que paren na comarca, a estación A Rúa-Petín está case sempre vacía. Unha estampa ben distinta á que se vía na tarde deste luns 21 de marzo, cun gran número de persoas que esperaban expectantes a chegada do Alvia dende Barcelona con destino A Coruña.

Con vinte minutos despois da hora prevista, dun dos seus vagóns baixaba un grupo de refuxiados ucraínos: unha das familias, formada por 5 membros (dúas irmás, unha cun neno e outra con dous nenos) que vivirán na Rúa; e outra formada por 2 membros que vivirán en Chantada.

 

Os membros do CD Rúa que foron a recibir aos refuxiados ucraínos.

 

A chegada destas persoas á Valdeorras é posible grazas a unha iniciativa privada levada a cabo a través da Asociación Lazos con Ucraína creada entre Barcelona e Mallorca, da que forma parte un veciño da Rúa residente en Barcelona. O primeiro que fixeron foi unha campaña de recollida de alimentos e enseres de primeira necesidade e despois outra para buscar familias que, a nivel particular quixeran acoller refuxiados.

Así, o pasado xoves 17 de marzo catro persoas desta asociación viaxaban ata Cracovia (Polonia) onde recollían de diferentes zonas de refuxiados ás 50 persoas que chegaban onte a Barcelona en autobús. De aí partía o grupo que esta tarde chegaba á Rúa, a unha estación repleta de xente que lle daba á benvida.

 

Membros do Rúa entregándolle as camisetas aos nenos ucraínos.

 

Entre os asistentes á recepción, estaba parte da corporación municipal co alcalde Álvaro Fernández á cabeza, membros da Policía Local e de Protección Civi, e tamén moitos dos integrantes do CD Rúa, o club de fútbol local que quixo ter un detalle de benvida con eles (entre aplausos e vítores entregábanlle camisetas aos nenos), aproveitando que un dos xoves ucraínos xogaba ao fútbol no seu pobo e que as cores do club de fútbol rues (amarelo e azul) coinciden coas da bandeira ucraína.

A familia que dende hoxe residirá na Rúa faráo no piso do veciño que vive en Barcelona que tamén correrá cos gastos da vivenda. Tanto este veciño como a súa propia familia que é a que acompañaba esta tarde aos ucraínos, agradecen a solidariedade e sensibilidade da xente da Rúa que atenderon á súa chamanda na recollida de roupa, alimentos e mesmo cartos. “Agora, só esperamos que malia a difícil situación se integren con cariño e perdan o medo que é o que realmente lles fai falta”, aseguran visiblemente emocionados.

Fotos: Carlos G. Hervella
Vídeos: Mónica G. Bellver

Máis información e fotos no seguinte enlace: https://osil.info/chegan-a-estacion-da-rua-as-duas-refuxiadas-ucrainas-viviran-en-chantada-lugo/

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button