A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá no Pazo Provincial baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou a concesión de máis de 1,5 millóns de euros para colaborar nunha trintena de iniciativas promovidas por concellos e entidades sociais, deportivas e culturais da provincia.
No ámbito da cooperación local, a Deputación financiará dezaseis proxectos municipais. No que respecta aos concellos de Valdeorras, concederá 20.000 euros a O Bolo para a adaptación do baixo do antigo cuartel da Garda Civil para un local multiusos; mentres que A Rúa recibirá dúas achegas, unha de case 100.000 euros para equipamento do Teatro Avenida, a piscina municipal e mailo pavillón, ademais doutros 48.000 euros para a pavimentación da rúa Santa Ana.
Ademais a Ruta do Viño de Valdeorras contará con 30.000 euros para financiar a súa actividade.