En portadaÚltima hora

A ruta da Pena Longa e un “scape vila” na Pobra de Trives, pechan o programa ‘Sábeme a Silbina’

 

Comezaba o 31 de agosto en Castro Caldelas e, logo de percorrer rutas e localidades dos concellos de Montederramo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, San Xoán de Río, Parada de Sil e A Teixeira, o programa de actividades ‘Sábeme a Silbina’ 2024 remataba por todo o alto na xornada do domingo 6 de outubro no concello da Pobra de Trives.

‘Sábeme a Trives’ comezaba cunha ruta de sendeirismo pola mañá dende a localidade da Pobra de Trives ata a Pena Longa, na zona de viñedos trivesa con vides centenarias, vellas adegas e incluso algún lagar rupestre que puideron ver os asistentes, ata chegar ao monumento natural da Pena Longa, un espectacular miradoiro sobre o canón do río Bibei, tal como explican dende Surbia Natura, organizadora da actividade.

 

 

Despois tiña lugar a degustación de produtos locais, presentada de xeito moi acertado na Cantiga do Catro, dando paso ao prato forte do día e de todo o proxecto nesta edición: un xogo de scape vila na Pobra de Trives. “Trátase dun xogo por equipos no que cada grupo tiña que ir facendo probas por diferente puntos da vila, ambientado nos anos 40-50 con personaxes típicos da zona entre os que non faltaban marqueses. As probas realizábanse en cada unha das 12 ubicacións da man destes personaxes, sobre ditos, refráns e costumes da vila nesa época… que resultou moi interesante”, aseguran dende a organización.

 

 

Unha novidade que introducían este ano na programación e que os asistentes desfrutaron, acompañados polo bo tempo malia a previsisón de abundante chuvia que quedou bastante reducida.

‘Sábeme a Silvina’ é unha iniciativa de promoción natural, cultural e turística dos 10 concellos que forman o territorio, patrocinado polo GDR Sil-Bibei-Navea e executado por Surbia Natura.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button