Arredor do mundo das covas tradicionais xiraba a cuarta edición do Concurso de Fotografía da Ruta do Viño de Valdeorras, que tiña como lema “Os segredos de Valdeorras”. O xurado do certame facía público o seu fallo hai un par de semanas e neste 9 de setembro vén de facerse entrega dos galardóns nun acto celebrado no Teatro Lauro Olmo do Barco e que servía ademais de inauguración das fotos presentadas ao concurso.

“As covas constitúen un elemento diferencial de Valdeorras dentro das comarcas vitivinícolas, temos que dalas a coñecer e este é un xeito de promocionalas e poñelas en valor”, dicía o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, que estaba acompañado pola vicepresidenta desta entidade, Montserrat Rodríguez e polo concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos.

Deseguido, procedíase á entrega de galardóns aos tres premiados nesta edición. Así o primeiro premio correspondíalle a Lois Prada Ferrer pola fotografía “O túnel de Baco”, segundo era para a imaxe de Arsenio Blanco Gayoso “Todo a mano”, mentres que o terceiro premio recía en José Manuel González Borace coa instantánea “Integración coveira”. Ademais entregabáselle un recoñecemento a Nunci Domínguez.
Nesta edición presentábanse unha vintena de imaxes ao concurso. Todas elas poden verse na mostra instalada no Teatro Lauro Olmo e que poderá visitarse nos vindeiros 15 días.
Fotos: A.R.