
Dada a boa acollida das anteriores edicións, o GEM (Grupo de Espeleoloxía e Montañismo) Águilas Verdes de Rubiá organiza, en colaboración co Concello, o IV Campamento Infantil de Espeleoloxía que terá lugar na fin de semana do 21 e 22 de xuño, tendo como base de operacións o refuxio de Covas.
Trátase dun campamento dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos con prazas limitadas a 20, cun custo de 15 euros para os socios de 30 euros para os non socios. O prazo de inscrición abrirase o luns 9 ás 00:00 horas.
Mantendo a dinámica dos anos anteriores, a recollida dos nenos farase o sábado ás 9 da mañá no bar de Covas e xa a partir das 10 horas comezarán as actividades. Ao longo da mañá e por segundo ano esperan contar coa visita do GREIM (Grupo de Rescate e Intervención en Montaña) con base en Trives que fará unha exhibición, e pola tarde, tras o xantar, están previstas saídas en kaiak, unha das actividades que máis gusta aos nenos que adoitan repetir ano tras ano e a visita ás covas de Cubelas e Pombeira. Pola noite, a cea será no refuxio onde tamén pernoitarán tralos xogos nocturnos cos que pecharán a primeira xornada.

O programa do campamento retomarase na mañá do domingo co almorzo, seguido de diversas actividades entre as que está o concurso de nos e o xantar ao que asistirán os pais e nais dos cativos participantes. Cara as 16:30 horas será a clausura coa entregas de diplomas e despedida.
Transmitir aos máis pequenos a importancia de protexer, conservar, preservar, desfrutar e coidar do medio ambiente, ao mesmo tempo que se lles introduce en deportes como a espeleoloxía ou o kaiak nun entorno natural de gran valor como o do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), son os obxectivos cos que nacía esta iniciativa hai xa catro anos, xusto despois da pandemia de Covid, e que esperan manter. “É unha experiencia moi boa, para nós pero sobre todo para os nenos que desfrutan moito polo que non pensamos deixalo”, aseguran dende Águilas Verdes.




