
A Oficina de Turismo de Quiroga vén de presentar un mapa no que están sinalizados os oito murais cos que conta esta vila para facilitar que “as persoas que nos visitan poidan achegarse ata estas obras pictóricas urbanas”.
Iniciándose no entronque da rúa Real coa rúa San Martiño de Abaixo, pódese ver o mural de Joseba Muruzábal, da “súper avoa” Erundina Macía Macía, que amosa o seu mellor sorriso cun acio de uvas brancas e unha tesoira de vendimar na man, e o carriño que sempre porta no seu día a día. A ruta leva ata a praza Maior, onde nun lateral dun edificio da rúa Calvo Sotelo se atopa o mural de Germán González que representa unha alvariza na que non falta un oso merodeando para buscar mel.
Tras baixar pola rúa Lago novamente ata a rúa Real achegarémonos ata o mural situado nas inmediacións da praza España. O realizado polo artista catalán Iván Floro, coa axuda da súa irmán Alejandra e que representa unha moza ás beiras da auga.
Na praza España pode contemplarse un grafitti de Pablo López Sanjurjo que representa á escritora galega Rosalía de Castro. En dirección ao centro de saúde atopamos outro dos murais, realizado polo quirogués José Luís Lemos, unhas flores enmarcan o título de “Bésame en esta esquina”.
Continuando camiño, achégase ata o Pavillón Municipal onde Abi Castillo, baixo o título de “Sororidade”, representou a dúas mulleres. Tras pasar polas inmediacións do Centro de Educación Infantil e Primaria, pode verse o muro da praza do Albergue Municipal cunha composición xeométrica de vistosas cores. E o último dos murais, o que se atopa na fachada do Albergue Municipal. Realizado polo artista Miguel Peralta, representa a imaxe da mitolóxica Lavandeira do Sil.