En portadaÚltima hora

Preto de 250 persoas percorren o I Camiño dos Fornos e as Airas de Soulecín (O Barco)

 

Aira do Santiago, Forno Comunal, Aira do Fondo, Forno dos Escuredo, Forno do Luis e Aira dos Bolos. Son as cinco paradas do I Camiño dos Fornos e as Airas de Soulecín (O Barco) que no mediodía deste sábado 7 de xuño percorrían máis de 250 persoas.

 

 

Organizado pola Asociación de Veciños de Soulecín coa colaboración do Concello do Barco, e dentro da Ruta Etnográfica desta localidade barquense, o programa comezaba en torno ás once da mañá cunha andaina dende a praza de Viloira, na que os 60 participantes coñeceron algún dos segredos que agocha esta aldea cargada de historia. E xa a partir das 13:30 horas iniciábase o  percorrido circular por estes seis puntos incluía unha completa degustación de produtos da terra elaborados polos propios veciños: paella (apta para celíacos), empanada de maravallas ao estilo de Soulecín, entremeses e queixo, lacón asado, chourizo e tortilla e bica. Para beber, viño, auga, café e queimada.

 

 

Nun día soleado pero sen excesiva calor, co acompañamento musical dos cantos de taberna e foliada de Pándega e Castro Columbrianos, a valoración que fan dende a organización desta primeira edición é máis que positiva. “Todo está transcorrendo con normalidade”, dicía Ángel Álvarez, destacando o equipo que o fixo posible. “Dende os veciños que axudaron a crear este evento dende o principio coa Rede Etnográfica, como Diana que veu co grupo da andaina facendo de guía turística”, aseguraba xa na recta final do evento, recoñecendo que daba gusto ver á xente polas rúas do pobo.

 

 

“Para nós esta acollida é todo un éxito porque nos están felicitando pola iniciativa, a primeira destas características que se fai no pobo que conta con 8-9 veciños e hoxe ver as rúas cheas de xente e música é unha alegría”, di Ángel agradecendo a axuda ao Concello. “Todas as concellerías están implicadas, Limpeza, Medio Rural, Cultura, Turismo,… tivemos o apoio total dende o momento en que presentamos o proxecto e iso é de agradecer”, concluía.

O broche á festa tiña lugar na praza con queimada ao son do grupo Carta de Ajuste.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button