OurenseÚltima hora

A Secretaría Xeral para o Deporte e Expourense asinan un convenio para a xestión da pista de atletismo

O mantemento, limpeza, uso, xestión e gastos de funcionamento correrán por conta da Fundación

A Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, veñen de asinar o convenio de colaboración para regular o réxime de coordinación da programación das actividades deportivas e feirais e as actividades de mantemento, conservación e funcionamento da pista de atletismo cuberto do recinto feiral e deportivo de Expourense.

Deste xeito, tras a sinatura do convenio de cooperación para levar a cabo as obras de instalación da pista o 11 de abril de 2016 e a tras a inauguración da pista de atletismo o 16 de decembro de 2017, as dúas entidades garanten a compatibilidade de usos da pista cuberta de Ourense, a principal característica deste proxecto.

A tenor do convenio asinado na mañá do 24 de maio, o uso deportivo da pista enmarcarase en dous períodos, entre o 1 de xaneiro e o 1 de maio e entre o 1 de decembro e o 31 de decembro, ambos inclusive. Ademais, anualmente estableceranse de maneira conxunta as datas concretas para a realización do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que sempre terá que celebrarse na primeira semana do mes de febreiro ou de marzo, por un período máximo de 35 días.

Ademais, o convenio asinado ten como obxecto a regulación da xestión e realización das actividades de mantemento, limpeza, uso e conservación das instalacións, así como os gastos de funcionamento das mesmas, garantindo que se manteñan en perfecto estado para o desenvolvemento das actividades, competicións ou eventos deportivos. Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte pon a cargo de Expourense a xestión, mantemento, limpeza, uso e e conservación da instalación deportiva, así como os gastos de funcionamento da mesma.

A sinatura correu a cargo da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, e actuando coma vicepresidente executivo de Expourense, o alcalde de Ourense Jesús Vázquez, acompañados polo xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Mario Guede e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Artigos relacionados

Back to top button