
Do 20 ao 25 de maio, o Colexio Pablo VI da Rúa celebrará a súa Semana Cultural, en conmemoración do 60º aniversario do centro, cunha serie de actos e eventos especiais para conmemorar este fito significativo na súa historia educativa, entre os que destacan dúas actividades que “consideramos especialmente relevantes”, aseguran dende a organización.

A primeira, o mércores 22 de maio, leva por título “Legado Horto Urbano: Conmemoración 60 Aniversario” e trátase dunha actividade de co-creación no marco do Proxecto Ruagua da Rúa relacionada co horto urbano. Nel participarán Víctor Comesaña e Sonia del Pont (Aqua Ourense); Sergio Santorio. Project Manager-investigador, Ainhoa Quina. Enxeñeira de Deseño Industrial, Xiana Meda. Periodista formada en comunicación ambiental e dixital, e Cristóbal Vergara. Enxeñeiro ambiental (CETAQUA); e María Carmen González Quintela (Deputación de Ourense.


Esta actividade, coordinada por CETAQUA, “vai máis aló da simple produción de alimentos. Trátase de cultivar valores fundamentais como o respecto pola natureza, a educación integral e o fortalecemento da comunidade. Cremos que deixar un legado a través dun horto urbano é unha forma duradeira de impactar nas xeracións futuras”, aseguran dende o Pablo VI.


A segunda actividade destacada nesta celebración leva por título “Ás cara ao Futuro; Raíces de 60 Anos” e consiste nunha cerimonia de plantación dunha árbore emblemática e a solta de aves rehabilitadas. “Convidamos a alumnos, exalumnos, familias, profesores e medios de comunicación, a unirse a nós nesta cerimonia especial na que plantaremos unha árbore emblemática seleccionada polo seu simbolismo e lonxevidade, representando o crecemento e a fortaleza da nosa institución ao longo de seis décadas”. Será o xoves día 23 de maio.
