SanidadeSen categorizarÚltima hora

A solidariedade de 7 familias ourensás permitiu doar vida a 15 persoas que recibían un transplante no 2020

A Asociación Alcer Ourense instalaba esta mañá a que é a primeira mesa informativa de pacientes desde o inicio da pandemia con motivo do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos

Mesa de Alcer Ourense, instalada esta mañá con motivo do Día do Doante./ Foto Alcer Ourense.

 

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras sete familias contribuíron no 2020 a un dos actos máis solidarios e altruístas dicindo sí á doazón, e doando vida a quince persoas que se beneficiaron dun transplante de órganos ou tecidos. Xunto a elas, no que vai de ano, outras sete familias, permitiron coa súa resposta afirmativa o transplante de corneas a doce persoas, procedemento que se realiza en Ourense por parte do Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Universitario de Ourense.

Coincidindo co Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, a Asociación Alcer Ourense instalaba neste mércores 2 de xuño a que é a primeira mesa informativa de pacientes desde o inicio da pandemia, que recibíu a visita do xerente, Félix Rubial, e os coordinadores en Ourense da ONT (Organización Nacional de Transplantes) Jesús Priego, do Servizo de Medicina Intensiva, e Estrella Pérez, de Enfermería, representando ao mais dun centenar de profesionais implicados en Ourense neste solidario proceso, no que o noso país é referente mundial.

Nesta mesa a traballadora social de Alcer Ourense, xunto con  algún voluntario/a achegan información sobre a doazón de órganos ás persoas que se achegaban. Ademais dende esta información realizábanse diversas accións a través das redes sociais e tamén indicaba que neste Día do Doante está prevista a iluminación en verde de varios edificios/monumentos galegos, entre eles, a Ponte Romana e o Pazo da Deputación en Ourense.

Doazón de órganos no 2020

A nivel estatal, a pandemia condicionou esta importante labor ao longo do pasado ano, no que a doazón de órganos reduciuse nun 22,8% e os transplantes, nun 18,8%. Con todo, no noso país realizáronse 4.425 transplantes de órganos, grazas a xenerosidade de 1.777 familias, 110 delas en Galicia, co que España mantense no primeiro lugar mundial tanto en doazón como en transplantes.

En Ourense, pese a tónica xeral de descenso, o esforzo do equipo de coordinación e a xenerosidade das familias permitiron non só manter esta labor, igualando os resultados de 2017, senón incluso aumentala en mais dun 300% con respecto a 2019, ano no que tan só se rexistraron dous doantes. Este crecemento mantense este ano, con cinco doazóns no que vai de ano, as mesmas que a suma de 2018 e 2019.

Un traballo en equipo

O primeiro motivo de perda de doantes, en todo o mundo, é non detectar ás persoas que poderían selo. A obtención de órganos é sempre unha cadea de acontecementos, baixo o risco de que se acabe rompendo polo fío mais débil. Nada pode quedar en mans da improvisación. Converter cada posibilidade nunha realidade é tarefa de moitos.

Dirixindo ese proceso, en Ourense está Jesús Priego, que coordina este complexo engranaxe que permite que os centros transplantadores conten coa posibilidade de dar novas esperanzas ás persoas á espera dun órgano. Non é fácil no medio da dor dunha familia apelar á solidariedade. Non é fácil para unha familia inmersa na dor aceptar un reto solidario e altruista, pero xuntos é posible manter a cadea.

Artigos relacionados

Back to top button