AutomobilismoDeportesÚltima horaVídeos

A Subida a Valdeorras regresa neste outono despois de 21 anos

A proba automobilística, puntuable para a Copa de España de montaña, celebrarase os días 8 e 9 de outubro

 

No outono deste 2022 volve a Subida a Valdeorras, despois de 21 de parón automobilístico na comarca, “non por falta de afección porque aumenta ano a ano, senón por un ambiente turbio que se fraguou entre a Escudería Valdeorras e a Federación Galega de Automobilismo”. Así o adiantaba o presidente da Escudería José Manuel Torres, na presentación da proba que tiña lugar na mañá deste venres 26 de agosto no Barco.

Acompañado polo alcalde do Barco, Torres explicou que o ano pasado xurdiulles a posibilidade de poder organizar unha proba puntuable para a Copa de España que depende directamente da Federación Española, e reservárona coa condición de poder aprazala para este ano xa que nese momento estabamos en plena pandemia.

 

Membros da Escudería Valdeorras na presentación da proba.

 

Concedido o aprazamento, neste 2022 toda a xente da Escudería Valdeorras que neste momento xa é moita, puxéronse a traballar arreo para sacar adiante este proxecto, tanto a nivel de financiación como de organización. “O Concello foi un dos que dende o minuto 0 apostou por esta proba que ademais de ser puntuable para a Copa será tamén preinspección para o campionato de España do ano que vén”, adiantou o presidente da Escudería, explicando que isto implica que un inspector revisará toda a documentación e organización da proba e “se cumprimos o obxectivo que nos marcan darannos ou non proba para o campionato do ano que vén. De conseguilo chegariamos ao máis alto da categoría nacional”.

Con respecto a proba en si, a IV edición da subida que se desenvolverá pola estrada entre Viloira e Santigoso, celebrarase os días 8 e 9 de outubro. Tal como adiantaron na presenación, o sábado pola mañá de 8 a 12 serán as verificacións administrativas dos equipos de competicion e técnicas dos vehículos. Ás 12 horas os coches trasladaranse do Campo da Festa a Viloira para entrar o parque pechado coa asistencia na rúa principal e a partir das 13 horas arrancará a primeira manga de adestramento. Despois haberá dúas mangas máis de probas oficiais. “O sábado pola tarde serán tres probas e o domingo as tres seguintes durante todo o día”, incidiu Torres, lembrando que todos os pilotos teñen a obriga de participar como mínimo nunha proba do sábado e nas tres do domingo para poder puntuar, e adiantando que esperan reunir a uns 70 participantes.

 

 

Pola súa banda, o alcalde do Barco Alfredo García deu as grazas á Escudería polo traballo realizado. “Isto é un labor colaborativo e funciona grazas aos voluntarios e a xente que ama este deporte e traballa porque saia ben”, dixo, recoñecendo que en canto se lles presentou a oportunidade de que volvera haber subida a Santigoso, aceptárona dende o primeiro momento conscientes de que as anteriores foron un éxito total. “sta comarca ten unha querencia ao ruído dos motores, con moita xente que acude e como poucos concellos e ningún da nosa poboación fai tantas competicións deportivas de tanto nivel en todos os deportes e o automobilismo quedara un pouco descolgado co cal para nós é unha satisfacción que os que se envorcaran con esta subia sigan con ganas de facelo e con visos de futuro para superar a categoría o que imlicará que veñan mellores pilotos, mellores vehículos e máis xente e iso é unha promoción indiscutible do Barco no mundo e o Concello ten que estar”.

O acto remataba coa entrega dun polo da Escudería ao alcalde “porque considerámoste parte dela”, dixo Torres.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button