DeportesÚltima hora

A tirada raíña da XX Volta Ciclista a Galicia terá unha meta volante no Barco e outra na Veiga

Será o sábado 17 de setembro, con saída e chegada na Estación de Montaña Manzaneda e a participación de 18 equipos

 

A Estación de Montaña Manzaneda acollerá este sábado, 17 de setembro, a terceira tirada da XX edición da Volta Ciclista a Galicia, con principio e final no complexo de montaña e un trazado de 114 quilómetros por nove concellos do oriente ourensán. Esta competición, que conta coa colaboración da Deputación, conta con 18 equipos e arranca este xoves en Poio, chegando a Ponteareas o domingo 18 de setembro.

A presentación da tirada ourensá da Volta tiña lugar na mañá deste martes 13 de setembro, por parte do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, acompañado polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; polo director da estación de montaña, Víctor Picos; e polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Rosendo Fernández resaltou as “connotacións especiais da tirada raíña da Volta Ciclista, que marcará diferencias entre os favoritos da xeneral” e enmarcou esta cita dentro da “forte consolidación de Ourense no mundo do ciclismo”.

 

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na presentación.

 

O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, definiu a Volta Ciclista a Galicia como “unha das referencias estatais na categoría semi-profesional” e avanzou unha “edición moi especial, que resaltará a beleza natural de Galicia”, sinalando que a tirada de Manzaneda será “unha tirada espectacular, cun acumulado de máis de 3.000 metros de desnivel”. Juan Carlos Muñiz tamén agradeceu na súa intervención a “aposta da Deputación de Ourense polo ciclismo”.

Pola súa banda, o director da estación de montaña de Manzaneda, Víctor Picos, destacou que o complexo “está perfectamente preparado para acoller unha tirada de primeiro nivel e invitou a todos a pasar o día no complexo de montaña e en toda a comarca.

O delegado da Xunta, Gabriel Alén, valorou a importancia da “cooperación institucional, como motor que fai que estes proxectos vaian adiante” salientando “tanto o importante traballo da Federación Galega de Ciclismo como o realizado na estación de Manzaneda, que pon en valor un dos grandes potenciais que temos na provincia de Ourense”.

 

Pelotón da anterior edición da Volta a Galicia.

 

A terceira tirada da 20ª Volta Ciclista a Galicia disputarase o vindeiro con principio e final na estación de montaña de Manzaneda, a 1.484 metros de altitude e tras superar durante case 12 quilómetros un desnivel de preto do 7 %, trazado que converte a esta xornada na tirada raíña da carreira.

Ás 11:55 horas está prevista a saída neutralizada desde a estación, iniciándose a proba ás 12:30 horas. O trazado de competición ten unha distancia de 114,2 quilómetros que discorren por nove concellos do oriente da provincia -Trives, Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín, O Barco, A Veiga, O Bolo e Manzaneda-, estando prevista a chegada de novo ao complexo de montaña en torno as 15:30 horas.

O trazado abarca dúas metas volantes, no Barco (diante do Concello) e na Veiga (antes da rotonda), a subida ao Alto da Portela -de segunda categoría-, a Soutipedre -segunda categoría- e a ascensión final á estación de montaña de Manzaneda -primeira categoría-.

Artigos relacionados

Back to top button