OurenseÚltima hora

A Torre da Fírbeda (Porqueira) será restaurada

A intención é poñer en valor este monumento declarado Ben de Interese Cultural

A Torre da Fírbeda en Porqueira. / Foto: cedida.

 

A Torre da Fírbeda, tamén coñecida como Torre da Forxa, no concello ourensán de Porqueira será restaurada. A Xunta de Galicia ven de adxudicar a obra por un importe de máis de 71.000 euros cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia. Esta intervención busca poñer en valor o monumento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Os traballos durarán aproximadamente tres meses e teñen como finalidade avaliar deficiencias, corrixir patoloxías e mellorar o estado de conservación. Desmontarase e eliminarase a carpintería metálica da cuberta para instalar un illamento térmico e unha cuberta con nova tella de cerámica. Tamén substituirase o pararaios existente e colocarase un proxector de teconoloxía LED.

A Torre da Fírbeda foi construída nos séculos XI e XII co obxectivo de impedir as invasións de Portugal e controlar a lagoa da Antela. Forma parte da rede defensiva da Limia xunto coa Torre da Pena, en Xinzo de Limia; a Torre de Ceme, en Rairiz de Veiga e a Torre do Castro de Sandiás, cuxa restauración tamén foi adxudicada recentemente.

Artigos relacionados

Back to top button