O Consello da Xunta celebrado hoxe vén de autorizar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a comezar o procedemento para preparar o Plan de xestión do monumento natural Costa de Dexo, que se enmarca na Axenda dos monumentos naturais de Galicia, que ten como obxectivo que o 100% destes espazos protexidos teñan iniciada a tramitación dos seus instrumentos de planificación en 2023.
Os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial. Tamén se consideran monumentos naturais as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou a importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos, sempre que sexan declarados como tales.
Nos monumentos naturais limitarase, con carácter xeral, a explotación dos recursos, agás cando esta explotación sexa plenamente coherente coa conservación dos valores que se pretenden protexer, conforme o establecido nas súas normas de declaración ou xestión, ou naqueles casos en que, por razóns de investigación ou conservación ou por se tratar de actividades económicas compatibles cun mínimo impacto e que contribúan ao benestar socioeconómico ou da poboación, se permita a dita explotación, logo de autorización administrativa.
Galicia conta con 8 monumentos naturais, que son a Praia das Catedrais, o Souto da Retorta, a Fraga de Catasós, o Souto de Rozabales (Manzaneda), o Pregamento xeolóxico Campodola-Leixazós (Quiroga), a Costa de Dexo, a Carballa da Rocha e a Serra de Pena Corneira.
Deste xeito, e tendo en conta que a Praia das Catedrais, o Souto da Retorta e a Fraga de Catasós xa contan cun plan de xestión, e logo de que o Consello autorizase hoxe o inicio da tramitación do da Costa de Dexo, a previsión é que a finais do mes de abril se inicie o procedemento para redactar o Plan de Pena Corneira e que no segundo semestre deste ano comece a tramitación dos da Carballa da Rocha, o Souto de Rozabales e o Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós.
A intención do Goberno galego con esta medida é completar canto antes a planificación dos 5 monumentos naturais pendentes e seguir traballando na ordenación e mellora dos 3 que xa contan cunha ferramenta propia de xestión.