SanidadeÚltima hora

A vacinación do Covid-19 comezará en Galicia o domingo 27 de decembro

Iniciarase nunha residencia sociosanitaria da área sanitaria de Santiago, segundo anuncia Sanidade

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García, no Parlamento galego.

 

O vindeiro domingo, 27 de decembro dará comezo en Galicia a campaña de vacinación do Covid-19 nunha residencia sociosanitaria da área de Santiago de Compostela. Despois da confirmación esta tarde ás autoridades sanitarias galegas, por parte do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, do envío inicial de 500 doses, a Xunta “vese obrigada a variar o plan inicial previsto, no que se contemplaba a vacinación simultánea en residencias das sete áreas sanitarias da comunidade”.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lamenta que o número de doses que chegarán o domingo a Galicia “non sexa suficiente para comenzar a campaña de vacinación segundo o previsto”.Así mesmo, e segundo se informou no Consello Interterritorial, a segunda entrega de doses para Galicia chegará o vindeiro luns, cunha cantidade aproximada de 18.000 novas doses. Con todo, estas doses non poderán empregarse até a xornada do martes, debido aos prazos que precisa a vacina para desconxelarse e así poder subministrala.

Por outra banda, García Comesaña subliñou que a cadencia das vacinas será sostida, “algo fundamental á hora de xestionar a loxística” do plan deseñado polo Servizo Galego de Saúde.

Sobre o reparto das doses por comunidades, o titular da carteira de Sanidade, insiste en que o criterio que debe primar é a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos de cada comunidade autónoma, dado que son a poboación máis vulnerable. “Son a prioridade, e en Galicia hai mais de 750.000 maiores de 65 anos, ou o que é o mesmo, o 25% da poboación”.

Artigos relacionados

Back to top button