CulturaCulturaÚltima hora

O director de Turismo de Galicia pon en valor o modelo de xestión de albergues do Xacobeo

Xosé Manuel Merelles mantiña un encontro cunha delegación xaponesa do Kumano Kodo

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantiña na mañá deste xoves 13 de novembro un encontro cunha delegación do Goberno da provincia de Wakayama e do municipio de Shingu, na que intercambiaron experiencias ao redor do Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, os dous declarados pola UNESCO Patrimonio da Humanidade. Un dos asuntos abordados foi o servizo de acollida a peregrinos en cada un dos roteiros. Así, o director de Turismo de Galicia explicou o modelo de xestión desenvolvido pola Xunta na Rede de Albergues do Xacobeo, algo que logo a delegación puido constatar visitando o albergue público de Ribadiso, en Arzú.

O Camiño de Santiago e o Kumano Kodo están irmandados desde 1998, e tamén as cidades de Santiago de Compostela e Tanabe. Nesta ocasión, a delegación xaponesa encabezada polo director xeral de Planificación da prefetura de Wakayama, Shoji Mae, e polo alcalde de Shingu, Michitoshi Taoka, atópase en Galicia para asinar un novo irmandamento entre as localidades de Padrón e Shingu, as dúas localizadas nos dous camiños de peregrinación.

O director de Turismo de Galicia puxo en valor a relación entre o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo que deu lugar a proxectos de colaboración na promoción conxunta de ambos itinerarios. Unha delas consiste na denominada ‘peregrinación dual’ que permite obter unha acreditación dual a aqueles peregrinos dos roteiros Kumano e Santiago que cubran nos tramos de cada itinerario as súas respectivas acreditacións.

Turismo xaponés

En canto ao número de peregrinos xaponeses que se decantan por vivir a experiencia do Camiño de Santiago, o director de Turismo de Galicia destacou que no que vai de ano, un total de 1.439 peregrinos de Xapón realizaron a ruta xacobea, un 5,89% máis que en todo o ano 2023, cuxos rexistros estiveron en 1.359 persoas.

Referíndose a datos globais do mercado xaponés, Xosé Merelles salientou que de xaneiro a setembro deste ano, os turistas xaponeses fixeron 23.000 noites en Galicia, o que supón un incremento do 7% con respecto ao mesmo período do ano pasado. En 2023, o gasto total do turismo xaponés en Galicia superou os 3,1 millóns de euros, incluíndo neste indicador tamén o custe do transporte ata Galicia. Ademais, o gasto medio diario do turista xaponés sitúase en 62,1 euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button