DeportesKárateÚltima hora

A valdeorresa Raquel Fernández Cruz incorpórase á directiva da Federación Galega de Karate

Nicolás Rodríguez Rodríguez repite como seleccionador galego de kata

Raquel F. Cruz durante a exhibición de fin e curso, na Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Valdeorras sempre tivo unha gran tradición karateka, sendo un referente nesta arte marcial con clubs de renome como o River Stone cunha longa traxectoria, e agora, tralas recentes eleccións, está dobremente representada a nivel galego, con dous karatekas valdeorreses na Federación Galega de Karate.

O mestre Nicolás Rodríguez Rodríguez repite como seleccionador galego de kata, incorporándose á xunta directiva a karateka Raquel Fernández Cruz, sensei do recén creado Club Shotokan A Rúa.

A propia Raquel explica que á fronte da federación repite Óscar Lafuente e entre o equipo directivo que elixiu está ela. “Como viu que ultimamente está habendo máis movemento en Valdeorras propúxomo, asegurando que estaba reunindo a un grupo de xente que se involucre, xente xove con moitas ganas,…e non me puden negar”, di a karateka recoñecendo que había moito tempo que FGK non se movía con este ímpetu, “sabendo tamén aproveitar á xente que leva nisto toda a vida como Agustín Abelaira, o vicepresidente e mestre en Viana do Bolo ou Nicolás como seleccionador porque é o estandarte do karate en Galicia”.

O presidente da galega é tamén vicepresidente da Federación Española de Karate, un feito importante para que o katate se mova tamén en Galicia. “Se queremos que se fagan cousas e que os nenos fagan, tamén nós nos temos que implicar”, sentencia Raquel, recalcando o compromiso que Valdeorras ten co karate. “Temos un seleccionador e un membro da xunta directiva valdeorreses o que demostra que volvemos estar moi implicados a nivel Galicia. Santiago está lonxe e se non estás dentro da organización é máis difícil e tanto Nicolás como eu queremos que Valdeorrras e os karatekas desta zona se teñan en conta”, conclúe ilusionada e comprometida a partes iguais.

 

Artigos relacionados

Back to top button