Vera Rodríguez González é unha novísima futbolista valdeorresa cunha gran capacidade de sacrificio e esforzo, cuxo tesón e traballo (contando co apoio da familia) levárona a militar por segundo ano no equipo feminino de fútbol sala Ourense Ontime, de Primeira División Nacional e por terceiro, á selección ourensá.
Actualmente Vera xoga nunha categoría superior xa que aos seus 13 anos é infantil pero xoga en división Cadete galega e Xuvenil galega así como en Sénior provincial, sendo a actual máxima goleadora da liga galega con 11 goles en 7 partidos. Uns resultados que recompensan en certa medida os seus sacrificios e o esforzo que supón compaxinar os estudos cos desprazamentos para poder adestrar.
Tal como explican os seus pais “todos os martes e xoves acude desde O Barco a Ourense a dúas sesións de adestramento por día, ademais do venres que moitas veces tamén adestra, tendo que acudir as fins de semana aos partidos, un o sábado e outro o domingo”, traballo que se intensifica nestes meses cando tamén ten que acudir aos entrenos coa selección infantil.
Para Vera é “un orgullo pertencer a un gran club de máxima categoría feminino coma o Ourense Ontime”, ás ordes de Ana Rivera (adestradora na categoría Cadete) e Marta Figueiredo (segunda), ambas as dúas grandes xogadoras de 1ª división nacional coas que está logrando grandes resultados e unha progresión futbolística moi grande, ata o punto de ser chamada nalgunhas ocasións polo seu propio club para adestrar co equipo de Segunda División Nacional Sénior como premio.
Premio é tamén acudir por terceiro ano consecutivo á selección ourensá, como máxima goleadora. O seu próximo reto é o Campionato de Seleccións Comarcais que se xogará na ponte de decembro sendo a final o día 22. Aí, Vera “espera obter os mellores resultados coa selección ourensá, sendo xa, á súa curta idade, unha das veteranas”, aseguran orgullosos os seus pais.
Fotos cedidas.
Máis información na vindeira edición de O SIL Deportivo.