ConcellosRubiáÚltima hora

A veciñanza de Pardollán (Rubiá) organízase para recuperar a ermida de Santo Tomás

Nestes momentos está en estado de ruina e oculta pola maleza e nun precario estado de conservación.

Vista de Pardollán (Rubiá)./ Cedida.

 

A Asociación de Veciños Santo Estevo de Pardollán (Rubiá) e a Comunidade de Montes de Pardollán e Sobredo, realizarán a próxima fin de semana (15-16 de maio) a limpeza e documentación da antiga ermida de Santo Tomás. Esta ermida, localizada ao sueste da actual poboación de Pardollán, atópase hoxe en día non só arruinada senón oculta pola maleza e nun precario estado de conservación.

“Trátase dunha ermida moi coñecida pola poboación local pero moi esquecida dentro da paisaxe da Serra dá Enciña da Lastra. Con esta intervención pretendemos recuperar este monumento non só para a comunidade senón para a propia paisaxe da zona protexida do Parque Natural”, indica Alejandro Rodríguez, director da intervención.

Esta limpeza contará ademais coa colaboración da Asociación Científica Sputnik Labrego, que se atopa actualmente en Vilamartín de Valdeorras, escavando o castro de Valencia do Sil. Este proxecto, convertido en asociación desde hai uns meses e asentado, precisamente, en Pardollán, vén concentrando a maior parte da súa actividade en Valdeorras, comezando así unha nova vía de traballo na comarca. Esta campaña, conta igualmente co apoio económico do Concello de Rubiá, achegando os servizos básicos para que os investigadores poidan desenvolver o seu traballo.

Charla arqueolóxica da man de Carlos Fernández

Como complemento á intervención, as tres organizacións organizaron unha charla que será impartida polo profesor Carlos Fernández Rodríguez, da Universidade de León, quen realizou varias intervencións arqueolóxicas na zona durante varias décadas e escavou algunhas das covas prehistóricas na Serra da Lastra.

Esta conferencia, titulada “Arqueoloxía e covas: resultados na Serra dá Enciña dá Lastra”, terá lugar o sábado 15 de maio ás 19:30 na propia aldea de Pardollán, no exterior da Casa da Fonte.

Artigos relacionados

Back to top button