A VeigaConcellosÚltima hora

A Veiga acollerá a parte práctica da xornada “Ordenación Micolóxica en Galicia”

Terá lugar ao longo da xornada do vindeiro sábado 20 novembro coa presenza de relatores como o valdeorrés Julián Alonso

 

Cunha primeira parte teórica, impartida na tarde deste xoves 18 de novembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, iniciábase este xoves a xornada técnica “Ordenación Micolóxica en Galicia”.

O valdeorrés Julián Alonso Díaz, Roque Rodríguez Soalleiro e Javier Pereira Espinel son os relatores desta acción formativa, promovida ao abeiro do plan de transferencia ao agro galego de Agacal polo grupo de investigación Uxafores do Campus Terra da USC, os distritos forestais IX (Lugo-Sarria) e XIII (Valdeorras-Trives), Amtlam e o Concello de A Veiga.

O profesor e investigador da USC Julián Alonso Díaz abordaba esta tarde os aspectos básicos para a identificación de cogomelos, así como a identificación das principais especies comestibles e comercializables e as posibles confusións. Ao remate da súa intervención, o catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro falaba sobre os efectos dos tratamentos silvícolas na produción de cogomelos nunha charla na que tamén presentaba os resultados nun sitio de ensaio de rareos en piñeiral. A sesión concluía cunha exposición sobre aproveitamento micolóxico no inventario forestal e nas ordenacións de montes veciñais en man común, a cargo de Javier Pereira Espinel.

Esta xornada formativa sobre ordenación micolóxica terá continuidade este sábado cunha visita experimental ao Concello de A Veiga e nela analizáranse aspectos básicos para a identificación de cogomelos, así como sobre a identificación das principais especies comestibles e comercializables.

O programa inclúe, entre outras actividades, unha visita aos montes de Río Mao e aos de Meixide, con presenza dos tres relatores da xornada.

Esta xornada vai dirixida a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial, mozos do medio rural.

 

Artigos relacionados

Back to top button