EconomíaEconomíaÚltima hora

A Veiga aposta por declarar contornos residenciais de rehabilitación programada para acceder a axudas para a eficiencia enerxética

 

A Xunta de Galicia colaborará co Concello da Veiga para avanzar na declaración de contornos residenciais de rehabilitación programada no municipio co obxectivo de que os propietarios das vivendas emprazadas nos mesmos poidan ter acceso ás axudas de rehabilitación de eficiencia enerxética, incluídas no programa de rehabilitación a nivel de barrios. A tal fin, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, mantivo unha reunión esta semana co rexedor municipal, Juan Anta, quen lle explicou os plans de concello nesta materia.

O programa de rehabilitación a nivel de barrio, financiado con fondos europeos NextGenerationUE, foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 19 de xullo pasado, cunha dotación de 11,5 millóns de euros.

O importe das axudas concedidas ao abeiro do mesmo varía en función dos resultados obtidos en materia de eficiencia enerxética e poden acadar o 100% do orzamento da obra —cun límite máximo de 29.425 euros— cunha axuda adicional de ata 1.000 euros por vivenda ou 12.000 por edificio se é preciso retirar materiais que conteñan amianto. Ademais, os concellos poderán recibir axudas para actuacións de urbanización, reurbanización ou mellora da contorna física.

Vivendas de titularidade municipal

Na xuntanza tamén se fixo un repaso ao estado dos inmobles propiedade do concello que recibiron axudas da Xunta ao abeiro do programa de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal para destinalas despois a alugueiro social entre a súa veciñanza.

Así, desde o ano 2019 o IGVS concedeulle ao concello da Veiga subvencións para restaurar un total de 23 vivendas municipais, así como para a rehabilitación de cinco infravivendas. En total, as axudas concedidas polo organismo autonómico para ambos fins foi superior a 1 millón de euros.

Artigos relacionados

Back to top button