
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, celebrabau hoxe a consolidación en Galicia da Rede de praias sen fume máis ampla de España, concentrando un de cada catro areais libres de tabaco. Estaba acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, interveu na entrega de diplomas da Rede Galega de Praias sen Fume na categoría ouro, que tivo lugar na praia fluvial de Begonte.
Na súa intervención no acto, o conselleiro explicou que, para darlle máis forza e seguridade xurídica a este proxecto, o seu departamento xa iniciou, coa Federación Galega de Municipios e Provinciais (Fegamp), os traballos para elaborar unha normativa común que axude aos concellos a regular as sancións, seguindo o modelo que xa se aplica con éxito en cidades como Barcelona ou San Sebastián.
Listado de concellos na categoría ouro
Na provincia de Ourense: Bande, Avión, Castro Caldelas, Vilariño de Conso, Beariz, Laza, A Veiga e Castrelo de Miño.
Na provincia da Coruña: Cedeira, Cabanas, Corcubión, Fene, Laxe, Mañón, Noia, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Valdoviño, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Malpica de Bergantiños e Muros.
Na provincia de Lugo: Barreiros, Cervo, Begonte, Castro de Rei, Chantada, Cospeito, Mondoñedo, Outeiro de Rei, O Saviñao e O Vicedo.
Na provincia de Pontevedra: Cerdedo-Cotobade, Lalín, A Guarda, Baiona, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilaboa, Mondariz, Catoira e A Lama.
Reforza a loita contra o tabaquismo
Ademais de celebrar a consolidación da rede máis extensa de todo o Estado, o conselleiro referiu que o seu departamento aspira a dotar dunha normativa sancionadora que reforce aínda máis a loita contra o tabaquismo.
Galicia conta desde hai uns meses coa Lei de protección da saúde dos menores e de prevención de condutas adictivas, norma pioneira, que situa á nosa comunidade á vangarda de Europa na protección da saúde dos menores, e que incide de xeito notable na prevención do tabaquismo.
Non só se trata de delimitar novos espazos libres de fume, senón de protexer aos nosos menores desa adicción, establecendo a prohibición da venda a menores de cigarros electrónicos ou vapeadores, segundo o conselleiro.
Preto de 250 praias e portos sen fume
A iniciativa de Praias sen fume comezou hai dez anos e, desde entón, non parou de medrar ata consolidarse como un exemplo de política pública pioneira, recoñecida como Boa Práctica do Sistema Nacional de Saúde polo Ministerio de Sanidade e convertida nun referente para outras comunidades.
Os 19 concellos precursores que apostaron polo programa no ano 2016, son na actualidade 85 municipios, que suman un total de 249 aerais e portos sen fume, dos que 39 son praias fluviais como a de Begonte, na que se celebrou o acto de hoxe, que leva participando desde o ano 2018.
De todos os participantes, Sanidade quere facer unha distinción moi especial e recoñecer a 49 concellos na categoría de ouro, posto que teñen declarado como espazo libre de fume o 100 % dos seus areais, 18 na provincia da Coruña, 10 na de Lugo, 8 na de Ourense e 13 na de Pontevedra.
O conselleiro remarcou os obxectivos fundamentais do programa, que son protexer a saúde das persoas non fumadoras, coidar o noso patrimonio e medio natural e, sobre todo, desnormalizar o consumo de tabaco e outros produtos como os vapeadores.
Gómez Caamaño agradeceu o seu traballo a todos os concellos, aos seus alcaldes, concelleiros e equipos que forman parte desta iniciativa, así como á Dirección Xeral de Saúde Pública, cuxa dedicación á prevención e promoción da saúde fai posible que Galicia sexa pioneira noutras redes sen tabaco, como a de portos e parques sen fume.