
A praza do Concello da Veiga, que acolle tres veces ao mes a tradicional feira, mudará o seu aspecto. Nela levarase a cabo en breve a obra “Mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes”. As actuacións principais desta obra serán, entre outras, a canalización das liñas eléctricas, a pavimentación das beirarrúas, alumeado e cubrecolectores. O orzamento total deste proxecto ascende a 42.857,14 euros e será subvencionado ao 70% pola Consellería de Economía e Industria.
“O mercado tradicional e ambulante realizado de xeito periódico os días 9, 17 e 29 de cada mes, e establecido por postos, convértese nun importante centro de abastecemento para a poboación da Veiga, que debido fundamentalmente ao envellecemento da poboación, á dispersión e ás grandes distancias con centros comerciais, se abastece de produtos que non se atopan habitualmente nos centros abertos ao público na Veiga”, explica o seu alcalde, Juan Anta, referíndose neste senso á “importancia de contar con infraestruturas en perfecto estado” para poder desenvolvelo.