
Con só 9 anos Sara Salgado, alumna de 4º de Primaria do CEIP Amaro Refojo de Verín, vén de demostrar a súa capacidade e habilidade mentais ao conseguir o primeiro posto, entre os 28.000 participantes na súa categoría, nos campionatos escolares internacionais “SuperTmatik” de cálculo.
A posición de Sara (00:00:39:11) con máis de 1 segundo de diferenza co subcampión e máis de 10 co cuarto clasificado, encheron de orgullo aos seus familiares, compañeiros e profesores, en especial, ao seu titor e director do centro, Ricardo Rodríguez, que manifestou o seu “orgullo polos resultados obtidos pola nena”.
A menor e o director do centro eran recibidos na mañá do 12 de xuño no Concello de Verín por Emilia Somoza, concelleira de Educación e Diego Lourezo, concelleiro de Mocidade, quen quixo destacar “o gran orgullo que para os nosos cidadáns supón contar cunha verinesa entre os mellores do mundo en cálculo mental”.
Dirixida a alumnos do ensino básico de escolas públicas e privadas, a “SuperTmatik” celébrase a nivel mundial vía Internet e nel participaron 435.275 alumnos de 46 nacionalidades diferentes divididos en 9 categorías. A clasificación realízase co mellor tempo conseguido polos participantes nos tres intentos cos que contan para resolver as 15 probas con operación combinadas ás que se enfrontan.