OurenseÚltima hora

A VI Festa da Cervexa de Verín reunía a case 5.000 persoas na pasada fin de semana

O Parque da Preguiza acolleu dúas xornadas de gastronomía e bo ambiente, con máis dunha vintena de cervexas e doce postos de alimentación, entre eles catro foodtrucks

 

A sexta edición da Festa da Cervexa de Verín pechaba cun balance positivo de participación, cunha afluencia de preto de 5.000 persoas durante os días 10 e 11 de outubro. O Parque da Preguiza converteuse nun espazo de encontro para a veciñanza e as persoas visitantes, cunha proposta que combinou cervexa e gastronomía.

O recinto, aberto de 18:00 a 02:00 horas tanto o sábado como o domingo, ofreceu máis dunha vintena de variedades de cervexas nacionais e de importación. Os postos cervexeiros situáronse no interior da carpa principal, mentres que a oferta de alimentación se distribuíu entre as carpas anexas e as catro foodtrucks instaladas no exterior. A resposta do público reafirma o arraigamento desta cita no calendario de outono da vila.

A gastronomía foi un dos principais atractivos desta edición, con doce postos que combinaron especialidades tradicionais e propostas internacionais. O público puido degustar salchichas alemás, hamburguesas gourmet e de razas autóctonas, polbo á feira, churrasco, pizzas e opcións veganas, ademais de xamón ibérico, chourizo, criollo e lacón asado.

A selección completouse con elaboracións portuguesas, como pregos, francesinhas e bifanas, e mexicanas, entre elas tacos, quesadillas e burritos. Churros, crepes e xeados achegaron as alternativas doces dunha oferta pensada para diferentes gustos.

O concelleiro de Feiras, Manuel Lorenzo, agradeceu a implicación de todas as persoas que fixeron posible esta edición: «Grazas ao público por acompañarnos durante toda a fin de semana, aos postos participantes e ao persoal municipal e técnico polo seu traballo. Entre todos fixemos da Preguiza un lugar para compartir e gozar da festa».

Back to top button