
Na súa sexta edición a Mascarada Ibérica de Viana e Vilariño de Conso, prevista para o 11 e o 12 de xaneiro, ábrese, por vez primeira, a máscaras de fóra da península. Así, desta volta poderá verse neste encontro internacional aos Mamuthones e Issohadores (Mamoiada, Nuoro, Italia), un grupo sardo que mantiña un intercambio cultural no verán deste ano 2019 cos Fulións Rurais de Viana do Bolo.
Ademais dende esta edición a mascarada pasará a chamarse Festival ViboMask. Nela congregará a uns 800 participantes. No programa, que contará con diversas actividades, sobrasaen os dous desfiles, con máis de medio cento de celebración ligadas á máscara. O sábado 11 de xaneiro ás 16:30h. terá lugar en Viana do Bolo (con saída dende o Toural e remate na praza Maior) e o día 12 ás 11:30h. en Vilariño de Conso.
Neste festival por Viana e Vilariño desfilarán máscaras de diferentes puntos de Galicia (un total de 30), con especial protagonismo para as ourensáns e para os fulións da parte oriental da provincia, así como de Castela e León (4), Castela A Mancha (1), Cantabria (2), País Vasco (2), norte de Portugal e Sardeña (Italia).
Este evento será organizado por diversas entidades entre as que están os Fulións Rurais de Viana, a Asociación Robreda, a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño e a Asociación de Mulleres Rurais Bibei, ademais dos Concellos de Viana e Vilariño.