OurenseÚltima hora

A VI Xornada de convivencia de agrupacións de Protección Civil celebrarase en Ourense

Está prevista para o 22 de outubro e reunirá a máis de 500 voluntarios de España e Portugal

 

A cidade de Ourense recibirá o vindeiro 22 de outubro a máis de 500 voluntarios e voluntarias procedentes de toda España e Portugal na VI Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil en Ourense. Esta mañá, na Praza Maior tivo lugar a presentación desta actividade, á que asistiron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, e o presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, Clemente Pérez, membro da agrupación de Manzaneda.

A actividade pretende ser unha xornada lúdica que sirva como punto de encontro para voluntarios e voluntarias de toda España e Portugal, ao tempo que achegará á cidadanía o traballo que desenvolve a diario o voluntariado de Protección Civil.

Ao longo do encontro desenvolveranse diferentes actividades, como obradoiros prácticos de emerxencias, unha exposición de materiais para este tipo de actuacións e un acto de recoñecemento ao labor realizado por estas agrupacións durante a vaga de lumes deste verán. A xornada rematará cunha comida de confraternidade no Campo da Feira.

O encontro comezará a  partir das 9:30 h no Auditorio Municipal de Ourense, e nel participarán mais de 500 voluntarios e voluntarias de protección civil e 82 AVPC de España e Portugal.

O delegado territorial da Xunta subliñou que ao igual que en edicións anteriores preténdese facer unha xornada que sirva como punto de encontro para voluntarios e voluntarias de toda España; e se achegue o traballo desenvolvido á cidadanía amosando o gran capital humano dos seus membros, con preto de 8.355 voluntarios e voluntarias formando parte das 233 agrupacións de Protección Civil en Galicia.

Gabriel Alén explicou que neste ambiente de convivencia realizaranse diferentes talleres prácticos no entorno natural de Oira para tratar de conxugar, dende un punto de vista práctico, a exposición e emprego de material de emerxencias co coñecemento de novas tecnoloxías que cada vez mais ofrecen múltiples posibilidades no mundo das emerxencias.

Nestes talleres colaborarán a Unidade Cinolóxica da Garda Civil, que traerán os seus cans adestrados na busca de persoas desaparecidas; a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que mostrarán os seus medios e contarán a súa experiencia na loita contra os Incendios Forestais; a Unidade de Drons dos Bombeiros da Mancomunidade de Terra de Celanova, que xunto a empresa Ibérica de Drones amosarán as vantaxes do emprego do dron no medio acuático.

A Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Polígono de San Cibrao, os GES de Laza e o recentemente creado GES de Maceda levarán a cabo un rescate nun accidente de Tráfico. Tamén os Bombeiros do Parque Municipal de Ourense farán unha exhibición de rescate en altura e os voluntarios de voluntarias das AVPC de Castrelo e Ourense, xunto coa empresa Jet Vigo, farán prácticas de rescate acuático co emprego de moto acuática.

Ademais os participantes poderán desfrutar, grazas a Fundación Estanislao Reverter, do mítico coche de rallyes “Alpinche” encadrado dentro do taller sobre seguridade en rallyes.
Na organización das xornadas colaboran a Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense, Xunta de Galicia e Deputación Provincial de Ourense.

Actividades

Un amplo programa de actividades que se completará co a exposición de vehículos e material dos diferentes grupos de emerxencias da provincia de Ourense; así como co Posto de Mando Avanzado do Grupo de Apoio Loxístico a Intervención (GALI) pertencente a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

A partir das 12h está previsto a chegada do helicóptero de salvamento e rescate PESCA I do Servizo de Gardacostas de Galicia, organismo encargado da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas, depende da Consellería do Mar da Xunta de Galicia; e o helicóptero H4 de Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061. Ambos aterrarán no Campo de Fútbol de Oira.

Recoñecementos

Na Xornada haberá tamén un “Acto de recoñecemento da labor feita polas AVPC da provincia de Ourense, durante a vaga de incendios forestais deste verán de 2022”. Unha homenaxe polo traballo feito polas agrupacións de voluntarios de Protección Civil de toda a provincia que realizaron preto de 150 operativos durante esta crise, especialmente sensible nas comarcas de Valdeorras e Verín.

A continuación terá lugar a entrega de medallas e condecoracións a voluntarios e voluntarias co que se recoñece a súa actividade e traxectoria nas súas respectivas agrupacións, e para rematar a xornada haberá un xantar de confraternidade, que servirá como clausura.

Artigos relacionados

Back to top button