Galerías de fotosÚltima hora

A voda galega da barquense Marisu Miranda e o estadounidense Brandon Shalton

O acto, unha velada íntima no Pazo do Castro, tiña ligar na tarde-noite do sábado 23 de abril

 

A finais de agosto de 2021, dous anos despois dunha romántica pedida de man, a deseñadora barquense Marisu Miranda e o seu prometido, o estadounidense Brandon Shalton, celebraban o seu enlace matrimonial en pleno Nova York, pero cun marcado acento español, coa cerimonia no xardín do Instituto Cervantes de Nova York, e banquete noutro lugar emblemático para a comunidade española no país norteamericano, o Restaurante La Nacional.

 

 

Foi un acto íntimo pero con moita clase, ao que non podían acudir nin a nai nin a irmá da noiva, nin tampouco outros convidados galegos que debían coller o avión dende España. A pandemia de Covid, aínda moi presente nese momento obrigaba a pechar o aeroporto impedindo á familia de Marisu acompañala nese momento tan especial da súa vida.

 

 

Mais a noiva, a terceira xeración dunha familia adicada ao mundo téxtil e á moda no Barco de onde é natural e onde deu os seus primeiros pasos de costura malia vivir a maior parte da súa vida en Estados Unidos, non estaba disposta a prescindir da súa presenza polo que argallou unha nova celebración, desta volta simbólica, na súa terra, Valdeorras.

 

 

Así, na tarde do sábado 23 de abril, nesta ocasión acompañada pola súa nai Carmen e a súa irmá Eli así como por un grupo de amigos aos que que considera “familia”, Marisu Miranda e Brandon Shalton ratificaban o seu enlace matrimonial nunha velada íntima no Pazo do Castro. Un evento cen por cen galego, que arrancaba ao son da gaita e no que non faltaban os votos, o intercambio de aneis e emotivas verbas.

 

 

Un grupo de gaiteiros marcaban o inicio da simbólica cerimonia celebrada no Xardín dos Olivos, onde tiña lugar o aperitivo e de seguido comezaba o banquete amenizado por un dj. Como en toda voda que se precie, durante a cea non faltaron as intervencións dos noivos, agradecendo a asistencia “para compartir connosco o noso amor e tamén a vida”, e tamén dalgúns convidados entre os que estaba o alcalde do Barco, Alfredo García. Tampouco faltaron os agasallos e por suposto o baile e a queimada.

 

 

Unha bonita voda 100% galega. Parabens parella!

 

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button