DeportesÚltima horaVídeos

A Volta a España feminina ’21 percorrerá en setembro as comarcas de Terras de Trives e Valdeorras

A Estación de Montaña Manzaneda acollerá tres das catro etapas, unha delas con meta na Rúa o día 2 de setembro

 

A CERATIZIT Challenge by La Vuelta 21, ou o que é o mesmo, a Volta a España feminina, arrincará o vindeiro 2 de setembro na provincia de Ourense e percorrerá por primeira vez na súa historia a comunidade autónoma de Galicia.

A carreira, unha das máis importantes do calendario WorldTour feminino, segue gañando peso e incorpora este ano unha nova etapa ao seu percorrido, para un total de catro días de competición que terá como protagonista á Estación de Montaña Manzaneda, onde tiña lugar a presentación oficial do percorrido, no mediodía deste martes 13 de xullo.

O acto contou coa presenza dun represente do Concello da Coruña así como da Xunta de Galicia, ademais do director xeral de Unipublic, Javier Guillén e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, xunto a representantes dos Concellos de Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Chandreza de Queixa, A Rúa (tamén estaba o coordinador provincial da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil) e Esgos. Diante deles Guillén, máximo responsable da organización, era o encargado de presentar a carreira que nacía no ano 2015, e nesta edición terá tres saídas e unha meta no porto de Cabeza de Manzaneda (onde pasarán tres noites), un entorno que xa coñecían dende o 2011, cunha etapa da Volta a España.

 

Un momento da presentación na Estación de Montaña Manzaneda.

 

En total e por primeira vez serán catro etapas moi diferentes, entre as que se inclúen dúas esixentes xornadas de media montaña, unha cronoescalada de 7,3 quilómetros e unha última etapa en chairo, con previsible final ao sprint na capital galega, Santiago de Compostela. Esta última etapa disputarase o 5 de setembro, coincidindo co final da Volta 21 na Praza do Obradoiro.

Trátase dunha proba profesional, a carreira española máis importante do calendario ciclista feminino, na que se darán cita as mellores corredoras do mundo, un total de 24 equipos con 144 corredoras, que comezará o 2 de setembro cunha etapa que sairá ás 10 horas da Estación de Manzaneda e finalizará na localidade da Rúa ás 14 horas. Un día íntegro na provincia de Ourense, cuxo percorrido supera o 118 km. e que inclúe un paso polo Alto de Portela, de primeira categoría, e tamén por lugares como A Pobra de Trives, Larouco, Vilamartín, Prada ou A Veiga.

Cabeza de Manzaneda consolidará o seu protagonismo acollendo a totalidade do segundo día de competición, o 3 de setembro coa primeira cronoescalada da historia da carreira. Un total de 7,3 km. de subida que suma un desnivel acumulado de 424 metros, con saída e meta na estación.

A carreira despedirase de Manzaneda na súa terceira etapa, o 4 de setembro, e poñerá rumbo cara ao Pereiro de Aguiar. Case 108 km. de terreo rompepernas, con dous portos, de 3ª e 2ª categoría, respectivamente. Clásica etapa galega que non dará nin un metro de descanso ao pelotón.

 

Representantes de concellos das comarcas de Trives e Valdeorras co presidente da Deputación e o director de Unipublic, en Manzaneda,

 

Por último, e como vén sendo tradición, a proba terminará cun final sprint que, por primeira vez non terá lugar nas grandes arterias do centro de Madrid, senón que sairá das Pontes e terminará en Santiago de Compostela, na histórica Praza do Obradoiro vivirá de primeira man o último día de competición e vestirá aos dous campións coa Vermella. Primeiro, á gañadora da 7ª edición da CERATIZIT Challenge by A Volta e, unhas horas máis tarde, ao gañador da 76ª edición da Volta, que tamén se coroará ese 5 de setembro, tras unha última loita contra o crono que promete emoción ata o último segundo.

O encargado de pechar o acto era o presidente da Deputación, dando as grazas aos asistentes e sobre ao director de Unipublic pola alianza que manteñen coa provincia de Ourense dende o ano 2014, asegurando que “se o ano que vén volvemos celebrar a Volta a España feminina que xa presentou a candidatura, os participantes poderán vir no AVE que entrará en Galicia pola provincia de Ourense”, destacando a aposta da Deputación polo “turismo deportivo”. Baltar tamén tivo especial mención ás deportistas da provincia que están destacando a nivel internacional, dende as xogadoras de baloncesto, como Raquel Carrera convocada para os Xogos Olímpicos, Vanessa Sotelo, dúas botas de outro e dous mundiais de fútbol sala, ou Leticia Gil, campioa de España en salto de lonxitude.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button