CulturaCulturaÚltima hora

A XIV Festa da Palabra reivindica ao colectivo Brais Pinto como “motor de reformulación da cultura galega”

Durante a celebración na Insua dos Poetas, no Carballiño, entregáronse os premios Insua dos Poetas 2022 a Ramón Caride, Felipe Senén López, Bieito Romero, o festival Fetega, Pilar Corredoira, José María Vila Alén e o programa “Cos pés na terra”

Inauguracioėn das esculturas en homenaxe a Brais Pinto, coa intervencioėn de Ramoėn Lorenzo.

 

O colectivo Brais Pinto foi o protagonista da XIV edición da Festa da Palabra, celebrada hoxe na Insua dos Poetas, na Esgueva (O Carballiño). Un proxecto “singular, plural, máxico e real”, segundo resaltou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante un acto organizado, como cada ano, pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura.

Á reivindicación de Brais Pinto sumouse a inauguración dun conxunto escultórico de tres pezas realizadas polo artista ourensán Ramón Conde. “Con estas pezas, Brais Pinto incorpórase á Insua dos Poetas”, felicitou Manuel Baltar, agradecendo a presenza no acto de Ramón Lorenzo, catedrático emérito da Universidade de Santiago e membro do colectivo homenaxeado nesta edición. Ramón Lorenzo, falando como representante do grupo, agradeceu o recoñecemento: “Creo que fomos un grupo importante na cultura galega e é importante que se lembre neste tempo”. Pola súa banda, Xosé Luís Méndez Ferrín, que non puido acudir ó acto, enviou un texto -lido polo presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar- no que puxo en valor o traballo do colectivo Brais Pinto, “un renacemento inesperado da cultura galega” en plena ditadura franquista.

 

Foto de familia dos premiados nesta edición da Festa da Palabra.

 

Durante a Festa da Palabra entregáronse os premios Insua dos Poetas 2022, que recaeron no músico e fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero -música-; o escritor Ramón Caride -literatura-; o arqueólogo, historiador e secretario da Academia de Belas Artes de Galicia, Felipe-Senén López Gómez -en investigación e promoción cultural; o Festival de Teatro Galego (Fetega) “Celso Parada” -recibiu o premio Carlos Ledo, director teatral e actual presidente deste festival-; a crítica de arte e curadora de exposicións Pilar Corredoira -artes plásticas-; o programa da TVG “Cos pés na terra” -recolleu o premio na modalidade de cultura rural Susana Martínez, da produtora-; e o membro do Grupo Nós da Arxentina, fundador e expresidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén -cultura na emigración-. Todos recibiron unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano, recentemente galardoado coa Medalla de Ouro da provincia de Ourense.

Na súa intervención na Festa da Palabra, Manuel Baltar definiu a Brais Pinto como un “motor de reformulación da literatura, das artes plásticas, do audiovisual, da pedagoxía, das ciencias sociais e, tamén, da política. Fixérono a finais da escura década dos 50, con coraxe e valentía, dende Madrid, en plena ditadura franquista”. Este colectivo creouse en 1958 arredor de nove galegos residentes en Madrid, todos eles estudantes universitarios ou traballadores preocupados pola situación de Galicia. Entre eles estaban, ademais dos xa mencionados Ramón Lorenzo e o ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, os -tamén ourensáns- Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey”; Bautista Álvarez e Xosé Fernández Ferreiro; ademais de Bernardino Graña; Reimundo Patiño; Xosé Alexandre Cribeiro; Herminio Barreiro e César Arias.

 

Discurso de Manuel Baltar.

 

A XV edición da Festa da Palabra estará adicada a Arcadio López Casanova

O presidente da Fundación Insua dos Poetas, o poeta Luís González Tosar, abriu o acto agradecendo o apoio da Deputación e do seu presidente, Manuel Baltar, celebrando a consolidación dun evento que o ano que ven celebrará o seu 15 aniversario. Unha edición que, avanzou González Tosar, estará adicado ó poeta lugués Arcadio López Casanova. “Unha das voces máis representativas da lírica galega”, segundo sinalou o presidente da Fundación Insua dos Poetas.

O acto de hoxe estivo conducido polo secretario da Fundación Insua dos Poetas, Xabier Castro Martínez e nel tamén interviron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. Ademais, participaron na entrega de premios Insua dos Poetas o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o deputado Pablo Pérez; o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e o artista Antón Pulido, membro da Fundación Insua dos Poetas.

 

Discurso de Baltar II.

 

Na parte musical, Lucía Álvarez e Xosé Luís Troitiña ofreceron un recital poético-musical con “Poemas dos Brais Pinto”; Lorena Lores e Néstor Blanco presentaron o traballo “Quinta provincia” e a Real Banda de Gaitas do Irixo interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galicia e pechou o acto coa interpretación do himno galego. Os asistentes á Festa da Palabra foron obsequiados cunha edición especial do libro “Ulcis”, de Xosé Fernández Ferreiro, patrocinado pola Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button