DeportesGalerías de fotosÚltima hora

A xornada de Xogade e o control de marcas reúnen no Barco a uns 170 atletas

Dende probas de 1 km marcha e 2 km marcha ata os 80 mv, 60 ml, 1.000 ml, 50 ml ou os 1.000 obstáculos, sen esquecer os lanzamentos. A partires das catro e media da tarde do 7 de abril as pistas barquenses de Calabagueiros enchíanse de competicións. Acollían a I Xornada previa de Valdeorras de Atletismo en pista do programa “Xogade” (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar). Nela participaban atletas alevíns, benxamíns e infantís de diferentes clubs da provincia de Ourense, pero tamén chegados dende outras comunidades como Castela e León.

Entre os clubs participantes ourensáns non faltaba unha ampla representación do Club Adas, así como do Club Atletismo Rúa, do CEIP Bermúdez Couso de Trives ou co CEIP de Viana do Bolo. Tamén había participantes doutras zonas da provincia como os atletas do CAM Verín ou da propia capital, con presenza do Ourense Atletismo.

Ademais, a partires da cinco da tarde, comezaba asemade en Calabagueiros o Iº Control de Marcas Federado para as categorías cadete, xuvenil e absoluto. Entre os lanzadores estaba o campión europeo Máster M60, o vilamartinés Luis Nogueira, do Adas.

Tanto a xornada de Xogade como este control de marcas teñen sido organizados pola Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA), co control do Comité Valdeorrés de Xuíces. Ambas reunían a uns 170 atletas no Barco.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button