ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

A Xunta destaca o potencial innovador do rural para atraer a nómadas dixitais e impulsar a economía local e o turismo

A conselleira de Emprego, Elena Rivo, e o director de Turismo de Galicia na visita que facían a Castiñeiro (Río) para coñecer o proxecto Aldealista

 

Ata a aldea de Castiñeiro (San Xoán de Río) desprazábanse esta maña a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. Alí coñecían, da man do seu fundador, Juan Carlos Pérez, e acompañados polo alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez; o proxecto Aldealista, nado nesta localidade, como exemplo de innovación recoñecido pola Xunta de Galicia.

Coa súa visita, os representantes autonómicos puxeron en valor esta iniciativa que avoga por revitalizar as aldeas e utiliza unha aplicación móbil que pon en contacto particulares con estas localidades de menos de 5.000 habitantes, para que poidan coñecelas e, nun futuro, de ser o caso, desenvolver o seu proxecto vital nestas zonas. En paralelo contribúese ao seu desenvolvemento dixital e económico.

Na mesma liña, a Xunta de Galicia quere aproveitar o potencial de crecemento das contornas rurais, a través do despregamento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta na actualidade con doce centros activos, tres deles na provincia de Ourense (Verín, O Barco de Valdeorras e O Carballiño) ao que se sumará en breve un cuarto que estará situado en Baños de Molgas. A iniciativa, lembrou Rivo, vén de espertar o interese da Comisión Europea como modelo a replicar noutros países da Unión.

Así o goberno galego “quere dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos co-living, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir nestes lugares de xeito temporal”, segundo a conselleira. O obxectivo desta iniciativa é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sustentable.

Posta en valor do potencial turístico a través da innovación

No eido do turismo, Xosé Merelles resaltaba a importancia desta iniciativa para poñer en valor o potencial turístico do rural galego. E facelo, ademais, da man da innovación, un aspecto, engadía “moi aliñado co traballo levado a cabo desde Turismo de Galicia e da man das nosas estratexias de traballo”. Fixo mención, ademais, á tendencia turística deste ano, cando, nos dez primeiros meses, Galicia recibiu máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados.

Neste contexto, Merelles salientaba o caso da provincia de Ourense, na que, segundo os últimos datos do INE, se rexistraron máis de 340.000 viaxeiros aloxados, o que supón un incremento de máis do 3% en relación co ano pasado e que fixeron máis de 600.000 noites, o que supón un incremento do 5%.

Artigos relacionados

Back to top button