CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A Xunta proporá a obrigatoriedade de mascarillas nas aulas para profesorado e alumnado de máis de 6 anos

A partir da vindeira semana, comezaranse a realizar probas serolóxicas a todo o persoal dos centros de ensino non universitario e de FP, segundo vén de anunciar o presidente da Xunta

 

A Xunta proporá que as mascarillas sexan obrigatorias en todo momento nas aulas para profesorado e alumnado de máis de seis anos, “unha proposta sanitariamente correcta e epidemioloxicamente fundada”, tal e como sinalaba o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo tras a xuntanza do comité clínico de expertos desta mañá.

O comité clínico revisará o protocolo do inicio do curso escolar elaborado en coordinación coas Consellerías de Educación e Sanidade para actualizalo, tanto en función da evolución da pandemia como co que se acorde na conferencia de presidentes, da que aínda non hai data de celebración, adiantaba Feijóo, que tamén pedía un protocolo único para todo o sistema educativo español porque “necesitamos criterios claros e homoxéneos”.

Por outra banda, o presidente sinalaba que o ratio máximo de alumnos por aula en Galicia será de 25 e anunciaba a incorporación de 240 novos docentes. Ademais, a partir da vindeira semana, comezaranse a realizar probas serolóxicas a todo o persoal dos centros de ensino non universitario e de FP. “Serán en total 40.000 profesionais os que participarán nesta mostraxe, previa ao inicio do curso escolar, buscando, coma sempre, a máxima seguridade”, sinalou.

Centros sociosanitarios

Na mesma liña de realizar cribados para a detección de casos, o Comité clínico aprobou a instrución para que se lles realicen probas diagnósticas a todos os novos residentes das residencias sociosanitarias, así como aos empregados que se incorporen con novo contrato ou regresen aos centros despois de permisos ou vacacións. O presidente da Xunta lembrou o límite das visitas a unha persoa por residente e cunha duración máxima dunha hora ao día.

Feijóo insistiu na necesidade de manter as prevencións e estar sempre alerta porque “o virus segue aí”. E remarcou que as persoas que se encontran en corentena deben de cumprila, independentemente de se a PCR é positiva ou negativa. “A PCR negativa non exime de cumprir a corentena na súa totalidade”, insistiu, engadindo que aínda que saír á rúa ou ter contacto con familiares e amigos poida parecer inofensivo, pode significar novos contaxios e poñer en perigo a vida doutras persoas.

O presidente da Xunta concluíu advertindo que “hai que ser responsables para non ter que dar pasos atrás que serían dramáticos para a nosa economía e tamén para a nosa saúde”.

Artigos relacionados

Back to top button