En portadaSanidadeÚltima hora

A Xunta suspende cautelarmente a administración da vacina de AstraZeneca en Galicia

"Ata o momento, non se producíu en Galicia ningún caso de reacción adversa grave", asegura Sanidade

 

Dende a Xunta de Galicia notifícase que se suspende “cautelarmente a administración da vacina de AstraZeneca”. Deste xeito, a Administración galega segue a “indicación do Ministerio de Sanidade que vén de anunciar a súa suspensión por un principio de prudencia”.

Ademais, a Consellería de Sanidade lembra que o “sistema de trazabilidade permite identificar a vacina administrada coa persoa vacinada. Ata o momento, non se producíu en Galicia ningún caso de reacción adversa grave”.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, considera que a decisión do Consello Interterritorial de suspender por dúas semanas a dispensación da vacina de AstraZeneca “é unha decisión probablemente dos socios europeos á que se suma España. Estamos convencidos de que proseguiremos con esa vacina, espero que máis pronto que tarde, pero por razóns de prudencia así foi aconsellado polos socios da UE e España acepta esa decisión”.

Ademais Feijóo indica que a suspensión durante 15 días implica que “só imos poder dispensar a vacina de Pfizer e moi poucas doses da vacina de Moderna, e esperamos a que a vacina de Janssen e Novavax poidan ser autorizadas nas próximas semanas. É unha mágoa porque tiñamos lanzada a vacina de AstraZeneca e íamos acompasar os menores de 55 anos e os maiores de 80 anos e agora, pois, ímonos cinguir aos maiores de 80 de forma máis intensa”.

O titular do goberno galego tamén espera e desexa que “pronto se despexen as dúbidas dalgún efecto secundario que produza a vacina. Polo momento, o que sabemos é que os efectos secundarios están medidos, polo que non hai unha mensaxe de preocupación coa información que temos ata agora. Se houbera algunha mensaxe de preocupación, por suposto que seríamos os primeiros en difundila”.

Neste senso, Feijóo envía unha mensaxe de prudencia, se ben incide en que “estamos facendo seguimento das persoas que foron vacinadas coas doses de AstraZeneca, sabemos quen son, témolas localizadas dende o punto de vista clínico e estaremos moi atentos por se hai algún efecto secundario, algunha reacción que faga actuar dende o punto de vista clínico. Faremos o seguimento correspondente que procede neste caso”.

Máis información sobre a decisión de España de suspender a administración desta vacina en:
https://osil.info/espana-suspende-de-forma-cautelar-durante-2-semanas-a-administracion-da-vacina-de-astrazeneca/

Artigos relacionados

Back to top button