Numeroso público achegábase ao longo do sábado 12 de xullo ata a praza Andrés de Prada do Barco para desfrutar das máis de 80 marcas que poden degustarse nos 22 stands das adegas do recinto da XVII Feira do Viño de Valdeorras. Ademais o programa do certame incluía outras propostas como o acto de entrega de premios aos viños da feira e a presentación do trailer e do “Como se fixo” da longametraxe “A Esmorga”, do director valdeorrés Ignacio Vilar. Foi no Teatro Lauro Olmo no Barco e nela estivo, ademais de Vilar, o actor “Morris” e membros do equipo técnico do filme.
Na mañá do domingo 13 de xullo os actos comezaban coa emisión dende o Teatro Lauro Olmo, como tamén sucedía o sábado, do programa de RNE “No es un día cualquiera”, presentado e dirixido por Pepa Fernández. No seu decurso falouse de Valdeorras e dos seus viños, pero tamén da súa riqueza natural, do seu patrimonio, gastronomía e dos seus recursos turísticos. Entre os entrevistados estiveron nesta ocasión o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Xosé Luis García Pando, e o alcalde do Barco, Alfredo García.
As persoas que aínda non se pasaron polo recinto da Feira do Viño terán oportunidade de catar os caldos valdeorreses ata ás once desta noite (cunha paréntese entre as 14:30h. e ás 19:30h. nas que se pechará a mostra) de domingo.
Ao mesmo tempo, coincidindo con este certame valdeorrés oito restaurantes da comarca ofrecen un menú especial cun prezo de 15 euros (escollendo entre tres pratos como primeiros, 3 segundos e 3 sobremesas, a bebida non está incluída) aos seus clientes: Asador de Viloira, Casa Galaica, Casa Lameiro, Fernando III, San Mauro, Pazo do Castro e Piquiño (todos eles no Barco) e Mesón Museo en Sobradelo.