ConcellosEn portadaPetínÚltima hora

A XXI Festa da Freba de Petín, no número de decembro do Periódico O Sil

A cita gastronómica será mañá a partir das dúas e media da tarde

 

Tres anos despois de celebrar o XX aniversario e unha vez superada a pandemia de coronavirus, a Festa da Freba de Petín volve ao panorama gastronómico invernal, repetindo o mesmo esquema da última edición. Un ano máis a data mantense na ponte da Constitución, pechando xa o ano, aínda que nesta ocasión adiántase con respecto a outras edicións e será mañá sábado 3 de decembro, coma sempre nas inmediacións do Teleclub.

O xantar comezará a partir das 14:30h. na carpa instalada e acondicionada para a ocasión. O menú comeza cun consomé ben quentiño, seguido dun bo chourizo cocido (ou dous) con cachelos, e xa despois a freba, a fartar. De postre a tradicional ucheira. Para beber hai viño, tamén a esgalla e auga, sen esquecer os licores e o café. O apartado musical é tamén moi importante neste tipo de xuntanzas populares e este ano será a Discomóvil Danzalia quen poña ritmo á sobremesa.

Ademais, a festa incluirá unha homenaxe por parte do Concello. Hai tres ano a homenaxeada era unha veciña que cumpría 100 anos e neste 2022 o recoñecemento irá para Pilar Rodríguez, en representación da familia de Petín que cada ano prepara os caracois acesos na procesión da Soidade, o Venres Santo. “Levan 4 ou 5 xeracións mantendo esta tradición, por iso queremos ter un pequeno detalle con eles, en sinal de agradecemento por manter viva unha das tradicións da nosa vila”, di a alcaldesa, Raquel Bautista.

Artigos relacionados

Back to top button