En portadaÚltima horaVídeos

A XXII Festa do Botelo do Barco homenaxeará a Concepción Moral, cociñeira do Mesón JR 2000

O pregón desta edición da cita gastronómica que se celebrará o 20 de xaneiro, correrá a cargo de "O Carrabouxo"

 

Para a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, falar da Festa do Botelo é “falar de tradición, de reunión social e de diversión”. E sobre eses tres piares se asenta a XXII edición que se celebrará o sábado 20 de xaneiro e que era presentada na mañá deste 2 de xaneiro.

 

 

 

“Nada mellor que comezar o ano presentando unha festa como esta que leva o Botelo e O Barco non só por toda Galicia senón por toda España”, aseguraba Pizcueta diante do cartel desta edición, obra do artista arxentino asentado no Barco Óscar Padrevecchi. “Un cartel moi colorido, moderno e alegórico cos trazos caracterísicos da súa obra cos que destaca a esencia do Barco co botelo no centro, as montañas ao fondo e o Malecón co río en primeiro plano”, describía a concelleira de Cultura.

 

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.

 

Ele mesma adiantou que o  programa arrincará coa posta á venda das entradas, o 13 de xaneiro ás 9 horas no Teatro Lauro Olmo, seguindo o sistema dos últimos anos, primeiro darán número e despois as entradas ata un máximo de 10 por persoa. “Poremos á venda 1.150 que este ano suben un pouco de prezo ata os 25 euros para ser competitivos cos restaurantes nos que cada vez é maior o consumo do Botelo”, explicou Margarida.

No mesmo Teatro Lauro Olmo terá lugar a seguinte cita, neste caso co cine, coa proxección o xoves 18 de xaneiro (17 e 20h.) do filme Reposteiro e chef. Ao día seguinte, venres 19 de xaneiro a cita será co teatro, coa representación da obra Run Baby Run, peza escrita e interpretada pola barquense Fátima Delgado que será tamén a presentadora do pregón o día central da Festa do Botelo.

 

Cocepción Moral Calvo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Será o sábado 20 de xaneiro, co acto no Teatro Lauro Olmo ás 12 horas (Mención de Honra a Concepción Moral Calvo, cociñeira do Mesón JR 2000 “das mellores tapas de toda a contorna) e pregón a cargo de Xosé Lois “Carrabouxo”, vinculado ao mesón); e o xantar popular no pavillón de Calabagueiros a partir das 14:30 horas para degustar botelo con chourizos, patacas e repolo.

 

Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”./ Foto cedida.

 

Este día a festa continuará cos xa tradicionais cantos de taberna polos bares da zona vella do Barco e do Malecón entre as 19 e as 22:30 horas, poñendo o broche á XXII Festa do Botelo do Barco o concerto de Amancio Prada no Teatro Lauro Olmo ás 20 horas, unha actuación moi esperada polo propio cantante cuxa avoa era de Viloira.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button