ConcellosEconomíaEconomíaQuirogaSen categorizarÚltima horaViticultura

A XXXIX Feira do Viño de Quiroga celebrarase na Praza do Auditorio o 24 e o 25 de xullo

Xuntará por primeira vez o viño tradicional co viño das adegas industriais da subzona Quiroga-Bibei

 

Unha vez rematada a Mostra do Aceite, Quiroga retoma a organización da Feira do Viño, que se celebrará os día 24 e 25 de xullo e que incluirá novidades. A comisión organizadora traballa nunha “feira máis que festa”, pero que recolla todos os elementos que sempre configuraron a exaltación do noso viño. A organización practicamente xa ten “todo controlado e organizado, pero con prudencia e respectando as normas sanitarias” como apuntou o rexedor local, Julio Álvarez.

Precisamente a prudencia será a que marque esta celebración polo que un cambio de localización permitirá poder controlar o recinto feiral e a súa capacidade. Desde o punto de vista loxístico a praza do Auditorio Municipal sería o punto escollido, un lugar con espazo suficiente e que, ao mesmo tempo, permite controlar o aforo agora que xa se poden realizar actividades. Nesta zona estarían as casetas dos adegueiros que nesta XXXIX edición da Feira do Viño de Quiroga xuntará por primeira vez o viño tradicional co viño das adegas industriais da subzona Quiroga-Bibei. A rúa Real estaría aberta para os distintos postos. “En caso de que as condicións sanitarias o permitisen e todo volvese á normalidade, a feira do viño celebraríase como sempre ao longo da rúa principal da vila”, matizan dende a organización da mostra.

“É o momento de facer unha proxección da feira diferente, dado o número de hectáreas plantadas dentro do noso territorio, sen esquecerse dos adegueiros tradicionais. Temos que empezar a falar de que a cantidade e a calidade do viño da Ribeira Sacra está na subzona Quiroga-Bibei”, sinala o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

Tampouco faltará o pregón nesta edición, pero non poderá ser un pregón multitudinario como foi sempre, irá en consecuencia coa etapa que estamos a vivir. Será o momento en que dalgunha maneira Quiroga salde a débeda histórica que ten con persoas de certo perfil, o rexedor local recalcou que “será o momento no que un gran profesional do viño nos honre coa súa presenza e coas súas verbas”.

Artigos relacionados

Back to top button