ConcellosGalerías de fotosÚltima horaViana do Bolo

Abelardo Carballo, novo alcalde de Viana tras prosperar a moción de censura

O resultado foi de seis votos a favor (PP e concelleiros non adscritos) e cinco en contra (BNG e PSdeG-PSOE)

 

Con seis votos a favor (PP e concelleiros non adscritos) e cinco en contra (BNG e PSdeG-PSOE), aprobábase a moción de censura ao alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, no pleno desta mañá de 1 de setembro. Desta forma, cunha votación nominal e en voz alta, tomaba posesión como novo rexedor o concelleiro non adscrito (antes do PsdeG-PSOE), Abelardo Carballo.

A sesión caracterizouse pola tensión, e comezaba coa intervención do xa alcalde, Abelardo Carballo, ao que ao público asistente á sesión chamaba, durante todo o desenvolvemento da mesma, “traidor” e “cacique”. “Todo o que se fai hoxe aquí é legal”, comezaba a súa intervención. “Secundino Fernández obrigounos a dar o paso, non se pode seguir gobernando a base de decretos, en cinco anos co noso apoio no PsdeG-PSOE, nunha gañou unhas eleccións en Viana, o que denota que o pobo non o quere como alcalde”, afirmaba Carballo.

 

 

Cabe destacar que a mesa de idade estaba configurada por dous do concelleiros nacionalistas. Polo tanto, o de máis idade deu a orde da toma de posesión e a de menor idade entregou o bastón de mando ao novo alcalde.

 

O novo alcalde de Viana, Abelardo Carballo, colocando o bastón de mando na mesa.

 

Pola súa banda, Secundino Fernández defendeu a súa xestión, cualificando a moción como un fraude aos veciños e unha traición a Viana. Así, denunciou que se propuxera como alcalde ao número 3 da lista menos votada nas eleccións. “Marchamos coa cabeza ben alta e co sabor do traballo cumplido, seguiremos loitando por este pobo. Viva Viana”, concluía.

 

Á dereita, Secundino Fernández durante a súa intervención.

 

María Páez, única portavoz do PSdeG-PSOE, defendeu que “son a única concelleira que mantén a súa postura, síntome traizoada polos excompañeiros, polo PP, e tamén polo BNG”, facendo alusión a que nos cinco anos de goberno esta formación non accedera a dialogar. En apoio á portavoz acudían representantes do partido doutros concellos, como Aurentino Alonso, do Barco ou o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

 

María Páez, única portavoz do PSdeG-PSOE en Viana.

 

Ademais, pola parte do PP, Andrés Montesinos fixo unha breve intervención no que amosou o seu apoio á moción e afirmou que “hai tempo de falar e traballar”.

 

Andrés Montesinos, do PP, durante a súa intervención.

 

Unha vez que Abelardo Carballo tomaba posesión como alcalde, o grupo nacionalista abandonaba o pleno e saía da Casa da Cultura. Fóra, un grupo de persoas, ao berro de “Viana non se vende”, agardábano para brindarlle o seu apoio. Así, entre os asistentes estaban Bieito Lobeira, membro do Consello Nacional do BNG; o coordinador en Valdeorras, Roberto Quiroga; o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez; e concelleiros doutros municipios como o tenente de alcade de Verín, Diego Lourenzo e Suso Vilasánchez, do Barco, entre outros. “Hoxe confirmouse a traición, a cal vai ter repercusión para nestes anos para Viana, pero nós imos estar aqui”, afirmaba Secundino Fernández á súa saída. Despois, os alí presentes cantaron a canción da revolución do cravos portuguesa “Grândola, vila morena”.

Posteriormente abandonaban a Casa da Cultura o novo alcalde, Abelardo Carballo, xunto a outro edil non adscrito que apoiou a moción, Santiago Barja, e finalmente facíano os concelleiros do PP. Con todo, a pesares da tensión e do dispositivo de seguridade de axentes e antidisturbios da Garda Civil, e da Policía Local, o acto finalizou sen ningún altercado.

 

Abelardo Carballo: “Foi necesario presentar unha moción de censura e confeccionar un goberno de transición para o que queda de lexislatura”

Ao tomar posesión, o xa alcalde de Viana, Abelardo Carballo, incidía en que os vianeses “non querían maiorías absolutas. Agora despois dun ano, no que o equipo de goberno saínte, non foi capaz de formar esa maioría, foi necesario presentar unha moción de censura e confeccionar un goberno de transición para o que queda de lexislatura”.

 

Carballo antes de comezar o seu discurso xa como novo alcalde.

 

Ademais, Carballo quixo marcar os obxectivos troncais do seu mandato: fortalecer o modelo agrícola e gandeiro, un desenvolvemento urbanístico sostible, a recuperación e conservación do patrimonio, o apoio ás políticas de participación directa dos veciños, e a aposta pola cultura, a educación e o deporte.

Por outra banda, tamén fixo alusión aos retos do novo goberno, como por exemplo a aprobación dos orzamentos municipais. “Será un equipo de goberno con distintos puntos de vista, que debe servir para lograr un obxectivo común, e que non é outro, que traballar para conseguir que o noso pobo, non deixe de prosperar”, explicaba.

Fotos: Carlos G Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button