EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ábrese a “IX Cata a Arte” cunha cata guiada dos viños institucionais da D.O. Ribeiro

Celebrarase durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 2 de novembro ata o 30 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas desta denominación e accións culturais

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro abría na tarde de onte a novena edición do ciclo “Cata a Arte”. Facíase unha presentación da Denominación de Orixe Ribeiro e degustación dos seus viños institucionais, denominados Fillas D.O. Ribeiro, da man de Jorge Vila, docente e fundador da Galicia Wine Academy, entidade dedicada á promoción do viño e á formación de profesionais do sector vitivinícola. O evento, con aforo completo, celebrábase na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde está a exposición fotográfica ‘Series’ de Chema Prado.

Nesta novena edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación para la Lucha contra las Enfermedades Renales (ALCER Ourense), organización de carácter social e sen ánimo de lucro que ten como finalidade mellorar a calidade de vida de todas aquelas persoas afectadas por enfermidades renais e os seus familiares; desenvolvendo distintas actividades enfocadas á prevención e a loita contra as enfermidades que afectan ao ril, así como á doazón de órganos; tamén ofrecen servizos de interese como son os de traballo social, nutrición ou psicoloxía. A asociación está composta por persoas con enfermidade renal crónica en tratamento de diálese, con trasplante de ril, familiares, así como persoas sensibilizadas con este tipo de enfermidades e a súa problemática.

 

 

Viño e arte

O ciclo celebrarase durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 2 de novembro ata o 30 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.

O xoves 9 de novembro será o momento da cata de Adega Pousadoiro que presentará os seus viños brancos, arroupados pola poesía de Carlos Abeledo Maristany. O 16 de novembro continuaremos coa cata de Bodegas Loeda, onde presentará o seu viño Treixadura Catro Parroquias acompañado dunha sesión de maxia a cargo do Mago Deimi. O 23 de novembro será o intre para a Adega Arco da Vella, onde Benito Eladio Rodríguez presentará os seus viños Torques (branco) e Tarabelo (tinto), todo elo harmonizado cun recital poético e cancións á viña e ao viño. E para rematar esta novena edición, o broche final poñerao o 30 de novembro a Bodega Alanís, que fará unha degustación do seu viño Gran Alanís 2022 en harmonía coa actuación musical poprock do dúo ourensán Hermanos Walker.

Artigos relacionados

Back to top button