DeportesÚltima hora

O BM Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal celebra coa afección a permanencia na 1ª Nacional

O equipo sénior masculino de balonmán de Ribadavia certificaba a permanencia a falta de catro xornadas para o final de liga

 

A tarde do sábado 26 de abril foi moi especial para o CDC Ribeiro no Pavillón O Consello de Ribadavia. Non só por disputarse o último partido en casa da tempada do BM Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal, o equipo sénior masculino que compite na Primeira Nacional de Balonmán, que vencía 31-29 fronte a BM Culleredo; senón porque celebraba cos equipos da base e a afección a súa permanencia, contando coa presenza do presidente da Deputación, Luis Menor e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, ademais do alcalde de Ribadavia, César Fernández, entre outros.

Foi unha tarde de festa e alegría logo dunha campaña complicada. “Levamos 8 anos na liga nacional e esta foi unha tempada un pouco máis dura que as demais, sobre todo polo calendario”, asegura o presidente do club, Iván Reinaldo, explicando que lles tocaron todos os equipos difíciles xuntos “co cal custábanos moito lograr unha vitoria”, certificando así e todo a permanencia, a falta de catro xornadas para o final da liga.

Con todo, o presidente asegura que o máis positivo da tempada foi “a incorporación de moitos xogadores da base, dos xuvenís que xa xogaron habitualmente co equipo de nacional, cada vez con máis peso”, o que implica que de cara á vindeira tempada, seguramente a maioría de xogadores serán da casa. “Á parte dos que xa xogaron subirá algún máis, aínda que teñamos que facer 3-4 incorporacións de fóra, algo que ata agora era ao revés, tiñamos 8-9 de fóra e algúns de casa”, di satisfeito, adiantando que a idea é “intentar manternos coa maioría de xente daquí, porque sempre é máis económico e tamén motivador para todos, sobre todo para a afección porque ver xente da comarca xogando sempre fai máis ilusión”, di, sendo tamén un premio polo traballo que fan coa base, clave para que un club se manteña no tempo.

 

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button