A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) en centros públicos para o curso 2020/2021, coa que se abre tanto o prazo para a incorporación de novos centros a este programa como a solicitude de continuación por parte dos xa participantes.
Seleccionaranse un mínimo de 25 novos centros e “en igualdade de puntuación terán preferencia os situados en concellos rurais”, adiantan dende Educación. As asignacións para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. No caso dos centros de continuidade, poderán destinar as asignacións a fondos, a mobiliario e outros equipamentos ou a gastos de funcionamento específicos da biblioteca, en función do ano no que se integraran no Plan.
Entre outras cuestións, a convocatoria establece que as adquisicións dos fondos se realizarán, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro, e que deberán incluír materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante etc.). Así mesmo, a multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente contempladas; e o 50% dos materiais adquiridos deberán ser en lingua galega.
O prazo límite de presentación de instancias é o 3 de xullo e deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.