Rozando ás 12h. deste xoves 30 de decembro producíase unha saída de vía na estrada que comunica a localidade das Ermitas (O Bolo) coa de Soutipedre (Manzaneda). Nun primeiro momento o 112 Galicia situaba o lugar do accidente no municipio bolés, pero finalmente acababa confirmándose que foi na parte pertencente ao veciño municipio de Manzaneda.
Ata o lugar do sinistro desprazábanse de inmediato os voluntarios de Protección Civil do Bolo, así como dúas ambulancias do 061 Urxencias Sanitarias, a Garda Civil de Tráfico e GES A Veiga. Tamén foron mobilizados os bombeiros do parque comarcal e os voluntarios de Protección Civil de Manzaneda.
Resultaba unha saída de vía complicada. Inicialmente pensábase que un vehículo podía ter caído ao río Bibei, pero finalmente comprobouse que non chegou a caer ao cauce ao ser parado por un silveiral, 100 metros máis arriba da ponte das Ermitas. Os ocupantes do vehículo foron evacuados e trasladados en ambulancia para recibir atención nun centro sanitario, se ben, segundo as primeiras informacións, os feridos non revestían gravidade.
Fotos cedidas.