CulturaCulturaÚltima hora

Acisclo Manzano e Manuel Buciños, galardoados co Premio “Otero Pedrayo”

O premio foi entregado, “ex aequo” e por unanimidade do xurado, na Casa-Museo de Otero Pedrayo en Trasalba

Os escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños recibiron hoxe, 24 de outubro, na Casa-Museo Otero Pedrayo, en Trasalba (Amoeiro) o Premio “Otero Pedrayo” 2016, que se lle concedeu “ex aequo”. A proposta, presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fora acordada por unanimidade polo xurado, primeira vez desde que se instaurara o premio –en 1977, gañado por Carlos Casares-, que o xurado ditamina por unanimidade a concesión do galardón, apuntan dende a organización.

A acta recolle que Acisclo e Buciños “honraron á Xeración Nós e as súas obras son coñecidas nacional e internacionalmente, e que por medio de Risco e de Otero Pedrayo integraron os artistas ourensáns dos 50, que coñeceron o labor das vangardas dos anos 20 e comezaron a experimentar novos estilos”. Segundo o xurado: “son abondosos os méritos que concorren en Manuel García Vázquez e Acisclo Rogelio Manzano Freire, presentes e recoñecidos polas súas obras en coleccións públicas e privadas dos principais museos e centros artísticos de Galicia, España, Europa, América e, mesmo en Asia”. Nados, o primeiro, en 1938, no lugar de Buciños, do que toma o seu nome artístico, concello de Carballedo, pero afincado en Ourense desde 1950 e, o segundo, en 1940, na propia cidade de Ourense.

No acto de entrega, Manuel Baltar dixo Acisclo e Buciños son “dous clásicos da arte con maiúsculas, que transcenden modas, movementos e vangardas”, revindicando especialmente neste momento a Ourensanía, “un sentimento compartido, aberto, plural e universal, que nada ten que ver co localismo insolidario e mesquiño”.

Pola súa banda, Acisclo Manzano e Manuel Buciños agradeceron o premio e coincidiron en destacar a importancia de seguir promovendo os valores da defensa do galeguismo e da nosa lingua e cultura que promoveu Otero Pedrayo. Así, o galardoado Manuel Buciños afirmou: “É unha honra recibir este premio na Casa de Don Ramón, de lembranza inesquecible para Galicia”, mentres que Acisclo Manzano asegurou que “seguiremos a traballar con toda a ilusión pola nosa Galicia”. A laudatio dos premios estivo a cargo da profesora María Victoria Carballo Calero.

O premio, dotado con 16.000 euros, foi convocado na edición de 2016 pola Deputación de Ourense e ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, premiar un labor que constitúe unha contribución eminente á cultura galega, e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

O xurado estivo presidido por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta, sendo vicepresidente Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e vogais: Xosé Leal Fariña, deputado delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval Soto, presidente da Comisión de Cultura da Deputación de Ourense; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta; Carme Silva Domínguez, vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, en representación da Universidade de Santiago; Susana Reboreda Morillo, da Facultade de Historia do Campus de Ourense, en representación da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro Fernández, da Facultade de Filoloxía, en representación da Universidade da Coruña; Pablo Otero Piñeyro Maseda, en representación do Instituto “Padre Sarmiento”; Felipe Ferreiro Feijóo, designado pola Xunta como autoridade científica e literaria; Luis González Tosar, designado pola Deputación de Ourense como autoridade científica e literaria; Primitivo Iglesias Sierra, designado pola Deputación de Lugo como autoridade científica e literaria; Carme Fernández-Pérez Sanjulián, designada pola Deputación de Pontevedra como autoridade científica e literaria; Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo Provincial de Pontevedra, como autoridade científica e literaria, actuando como secretario do xurado Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button