En portadaÚltima hora

O profesor Antonio Carreño, natural de Parada de Sil, recibe a Medalla de Ouro da provincia

A Deputación distíngueo “como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a toda unha vida dedicada á docencia, á incansable e rigorosa investigación e xunto coa súa superación persoal que o levou dende Parada de Sil a ser considerado o máis alto especialista mundial na figura de Lope de Vega”, tal e como quedou reflectido no acto solemne desta mañá

 

O profesor, escritor, investigador e filólogo Antonio Carreño González, natural de Parada de Sil, é desde hoxe Medalla de Ouro da provincia. Esta condecoración vén de concederlla a Deputación de Ourense “como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a toda unha vida dedicada á docencia, á incansable e rigorosa investigación e xunto coa súa superación persoal que o levou dende Parada de Sil a ser considerado o máis alto especialista mundial na figura de Lope de Vega”, tal e como quedou reflectido, a través da lectura da acta a cargo do instrutor do expediente, César Fernández, no acto solemne desta mañá, que estivo presidido polo máximo responsable provincial, Luis Menor, coa asistencia de diversas autoridades como o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ou o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, e o seu concelleiro de Cultura, Paco Magide.

Tras a lectura da “laudatio” do homenaxeado a cargo do xornalista Lalo Pavón, quen glosou o “apabullante currículum docente e investigador de Antonio Carreño” e lembrou que “chegar a tal nivel académico non foi doado, pois naceu nunha casa dunha aldea de Parada de Sil onde o que abondaba era o traballo e a necesidade”, tomou a palabra o homenaxeado, o profesor Carreño.

“Non foi fácil. Non, non foi fácil estar hoxe aquí. Non foi fácil chamarse Antonio Carreño. Como escribía o afastado Francisco Aldana, o Divino, «Tras tanto acá e alá, indo e vindo», un indaga no inconsciente dun mesmo a mítica volta á súa casa. O que sae da súa casa e sempre quere volver repite a viaxe de volta, real ou imaxinado, do gran Odiseo celebrado por Homero na Odisea, de volta á súa Ítaca, á beira da súa Penélope. O espazo da distancia e do encontro; da añoranza e da inquietude. E no meu caso, da man da palabra”, sinalou Antonio Carreño, quen articulou o seu discurso, precisamente, ao redor da importancia da palabra.

Por último, Antonio Carreño agradeceu a distinción da Deputación: “Esta medalla que me concede a cidadanía de Ourense é tamén un recoñecemento e unha homenaxe ao labor pedagóxico de quen ensina, instrúen e educan ás novas xeracións coa palabra. Sen afán de lucro, altruístas, sen esperar nin desexar ningún recoñecemento. O labor pedagóxico, profesionais da educación, moldea o futuro dunha sociedade. Instruír, educar, a través da palabra clara, precisa, ás veces contundente, de boca do profesor. Amolda unha conduta, unha identidade. E o futuro do que seremos”.

 

 

Agradecemento a todos os que o fixeron posible

No peche do acto, o presidente provincial destacou que “a Deputación de Ourense, como depositaria da representación xeral da cidadanía e por decisión dos seus representantes, expresou por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro a Antonio Carreño, pasando así a integrar o selecto grupo dos fillos distinguidos. Foi un traballo iniciado pola anterior Corporación provincial que agora rematamos. Grazas a todos os que o fixeron posible”.

No tocante ao legado do homenaxeado, Menor destacou que “as letras e traballos de Antonio Carreño seguen no tempo ás de figuras senlleiras de Ourense como o insigne Padre Feijóo ou o lembrado Ben-Cho-Sey. Si, un orgullo para min e a miña veciñanza, permítanme a licencia, pois ambos os dous eran orixinarios do concello de O Pereiro que me honro tamén en presidir, e cuxo legado sigue vixente”. Luis Menor quixo amosar o agradecemento a Luis Carreño en nome da provincia: “Grazas por tanto, profesor. Ourense sempre estará en débeda con vostede, polo que esta medalla non só é merecida, tamén é moi necesaria”.

O acto solemne rematou co himno da provincia, “Ourense no solpor”, que previamente comezara coa sinatura de Antonio Carreño no libro de honra da Deputación provincial.

Artigos relacionados

Back to top button