OurenseÚltima hora

Activado o Plan de Autoprotección do Entroido de Xinzo

A Axencia Galega de Emerxencias montará un posto de mando avanzado nas proximidades da Praza Maior ao longo do sábado 18 de febreiro, cando se agarda a maior afluencia de visitantes

 

O Entroido de Xinzo de Limia volve por todo o alto despois de anos de restricións pola pandemia. A celebración xa demostrou o seu poder de convocatoria nas últimas fins de semana e agárdase gran afluencia nos próximos días.

Para que os festexos se desenvolvan sen incidencias, o Concello de Xinzo de Limia conta cun Plan de Autoprotección que ten como obxectivo previr as causas das posibles emerxencias, detectándoas e evitándoas. Tamén garante a fiabilidade dos medios de protección, de forma activa e permanente e programa os plans de actuacións ante calquera incidente.

Así, tal como avanzan dende o Concello, nas proximidades da praza Maior instalarase un vehículo da Axencia de Emerxencias de Galicia (AXEGA), no que se establecerá un Posto de Mando Avanzado. “Este dispositivo montarase sobre as 18 horas do sábado día 18 de febreiro, sábado de Entroido, co fin de que estea operativo dende as 21 horas ata as 6 horas do día seguinte”, indican.

 

 

Durante os días grandes do Entroido contarase, ademais, cos seguintes equipos de intervención: Parque de Bombeiros de Xinzo de Limia, Policía Local, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil. Tamén estará operativo un posto médico de auxilios, así como efectivos de Cruz Vermella e do CIM para dar resposta coordinada ante calquera incidente coa maior celeridade.

Nestas datas o heliporto trasladará o seu emprazamento dende a explanada do pavillón polideportivo á explanada dos institutos e “instalarase videovixilancia en distintos puntos estratéxicos da vila e puntos violetas que velarán pola seguridade das mulleres ante as agresións machistas”, engaden.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button