ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

Acto conmemorativo do 50 aniversario do CEIP Condesa de Fenosa do Barco

 

O CEIP Condesa de Fenosa do Barco continúa de celebración polo seu 50 aniversario. Neste mediodía comezaba un acto conmemorativo deste medio século de vida que reunía, entre outras persoas, a diverso profesorado que nesta longa traxectoria exerceu a docencia nas súas aulas. Algúns destes profesores e profesoras xa están xubilados e outros viaxaban neste sábado ata O Barco dende diferentes lugares para compartir esta festa. Tamén participan neste acto, que se desenvolvía no salón de actos do colexio barquense, representantes das administración galega e do Concello.

O acto encetábase coa intervención da directora do centro, Carmela García, que emocionaba daba a benvida aos asistentes e tiña un recordo moi especial para quen fora director do CEIP, Francisco Pérez Lemos, “que nalgún sitio estará véndonos, tranquilo Paco que todo vai saír ben”. Así mesmo comezaba lembrando unha frase “que un dos meus mestres me dixo xa hai ben tempo: un mestre é como unha vela que se consume así mesmo para iluminar o camiño dos outros. Aínda que non estou moi segura porque se vos ve a todos moi ben”, dicía, “dende aquí anímovos a ser como esa vela, porque a recompensa merece a pena. Desfrutade deste día e desfrutade da profesión”.

A continuación tomaba a palabra o xefe Territorial da Consellería de Educación en Ourense,
José Rubén Sampedro, quen felicitaba á comunidade educativa polo seu labor durante estes 50 anos. “É froito do gran traballo que se fixo e que se está a facer neste centro. A alma dun pobo pasa pola súa escola, e a cifra de 50 é significativa na vida persoal de cada un, pero nunha institución indica que pasaron por aquí moitos rapaces, algúns son tamén profesores neste colexio, o futuro do pobo pasou pola escola e, iso sen dúbida, é froito do gran labor do conxunto da comunidade educativa, residenciada no equipo directivo de cada momento e dos profesores, e tamén dos propios pais e nais. Todos contribuíron a que o centro permanecerá vivo e que teña moito futuro por diante. Felicítovos a todos por ese gran traballo que estades facendo”. E adiantaba que “agora o reto que nos ocupa a todos é mirar para outros 50 anos e conseguir manter este sistema educativo de calidade”.

Felicitacións tamén era o que expresaban os inspectores de educación Eva María Muñiz e Pedro Morais. “Parabéns e grazas por ese traballo e por ternos convidado aquí a ver a convivencia deses nenos que xa se fixeron grandes e algúns que pasaron a ser pais e avós doutros nenos, e mestres doutros nenos. Tamén resulta moi bonito ver a convivencia dos mestres, velos traballar e matinar xuntos na sala do profesorado para sacar adiante aos alumnos de hoxe, grazas e a por outros 50”, sinalaba Eva María Muñiz.

Tamén asistía ao acto Delfín Caseiro, inspector xubilado, que lembraba a súa etapa como docente e logo no eido da inspección educativa no Barco. “Sempre que veño ao Barco fágoo encantado. Pasei unha etapa da miña vida profesional no Martaguisela, logo tiven a fortuna de poder ser inspector da zona durante outro período de 5 anos, en fin, foron moitas vivencias, moita vida aquí concentrada neses anos, de maneira que o traxecto Ourense-O Barco, que para moitos é un traxecto custoso, abandonado e con moito tránsito, para min supón un traxecto de alegría porque aproveito a viaxe para volver ás lembranzas que queremos, e que como as queremos tanto están aí sempre e parece como se cada ano que pasase, en lugar de borrarse, se fixen máis vivas, nos marcasen máis, nos tocasen máis, nos fixesen máis ser dese lugar. Eu síntome moito do Barco e de Valdeorras e ese traxecto para min é o segundo máis importante da miña vida, o primeiro é o traxecto que me leva de Ourense á miña aldea, na que pasei a infancia e onde comecei a facerme como son”, dicía.

Ademais Caseiro expresaba a súa alegría e orgullo por participar neste 50 aniversario, “neste evento de vida, da educación que tan necesaria e tanto contribúe a facer da sociedade un lugar máis habitable e harmonioso, en definitiva contribúe a mellorar a vida de todos”. E finalizaba manifestando os seus “parabéns a esta comunidade educativa exemplar, modélica, que me ensinou tantas cousas no momento no que tiven a oportunidade de pasar a porta e ter encontros con todos os profesionais, da comunidade de pais e de nais, de docentes. Moitos parabéns porque son máis que merecidos”.

Finalmente, en representación do Concello do Barco, o concelleiro Eladio Santos poñía en valor o labor e traxectoria do CEIP Condesa de Fenosa do Barco, partindo tamén do feito de que el mesmo estivo nas súas aulas e agora cumpre 50 anos. “Viñemos aquí circunstancialmente, e a perspectiva daquela para un neno de 9 anos é que o centro era monumental. Son uns recordos que teño con nostalxia, con melancolía, pero moi entrañables do Condesa. O centro xa daquela para nós, que o estreamos, e logo cando fomos ao instituto, sempre foi un centro como espectacular, moi grande, amplo, con moitas cousas, moi diferentes ao que era a escola tradicional ata ese momento”.

Así mesmo Santos destacaba que “hoxe, e xa dende hai oitos anos, o Condesa é moi recoñecido pola súa innovación dende o punto de vista pedagóxico, por proxectos e programas educativos sempre á vangarda de todo o que a consellería propón como iniciativas para a mellora e educación do alumnado. E ademais non se cansan, pero cando chega setembro e empeza de novo o curso teñen novos folgos e din que hai que facer algo. A docencia si funciona e vemos todos os resultados”.

O concelleiro, que ademais é docente de secundaria no veciño IES Lauro Olmo do Barco, concluía resaltado que ese esforzo e traballo conxunto “redunda todo nunha boa preperación e educación do alumnado, e isto seino de fontes ben directas porque os estudantes que saen de aquí recibímolos nós no instituto onde traballo. Así que o recoñecemento por parte do Concello ten que ser de agradecemento por participar na educación dos nenos destas últimas xeracións. O profesorado ten que estar absolutamente orgulloso do traballo que está facendo”, finalizaba, animando tamén “a desfrutar desta xornada lúdica. Noraboa a todo o claustro actual e aos pasados do Condesa de Fenosa porque é un modelo educativo para todos”.

Tras a presentación inicial, dábase paso á actuación dun grupo de rapazas pandereiteiras, logo proxectábase un vídeo do 50 aniversario do centro, a continuación o profesorado subíase ao escenario para interpretar cantares de cego e, finalmente, a intervención de despedida, seguida dun viño galego para os asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

(En breve ampliarase galería fotográfica).

 

Artigos relacionados

Back to top button