ConcellosÚltima hora

Actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero en Quiroga

Ás 12h. deste luns tiña lugar unha concentración no exterior do Concello

 

Unha exposición de fotografía, a presentación dunha curtametraxe gravada en Quiroga e unha concentración silenciosa foron os actos organizados dende a área da muller da Concellería de Benestar e Igualdade con motivo da celebración neste 25 de novembro do día internacional contra a violencia de xénero.

A primeira das actividades organizadas pola área da muller foi a apertura da exposición fotográfica “Je ne baise plus” de Iván Álvarez Merayo. A exposición que estará aberta ata este venres 29 de novembro, inaugurábase na tarde do pasado venres coa presenza do fotógrafo e da modelo e autora dos textos que acompañan a exposición.

Por outra banda, o domingo 24 de novembro, presentábase na Casa da Cultura a curtametraxe “Quiroga contra a violencia”. A curtametraxe tiña como protagonistas a veciñanza do municipio que daba a súa opinión sobre a violencia de xénero e cal sería a mellor maneira para loitar contra esta lacra social.

O último dos actos organizados tiña lugar esta mesma de 25 de novembro. Ás doce do mediodía realizábase unha concentración silenciosa contra o rexeitamento da violencia contra a muller, diante da casa consistorial. Previo a esta concentración a concelleira de Benestar e Igualdade, Ana Núñez, lía un manifesto “para mostrar o sentimento compartido de dolor e repulsa ante a persistencia da violencia machista que sofren unha parte importante de mulleres”.

Un acto co que o Concello de Quiroga quería manifestar o “rexeitamento contundente cara a violencia contra as mulleres”, onde “Todos e todas debemos plantarlle cara á violencia machista. Os malos tratos non son un asunto privado, son un problema social que se combate con tolerancia cero ante calquera comportamento machista”

 

Artigos relacionados

Back to top button