OurenseÚltima hora

Actos en memoria das vítimas do coronavirus na cidade de Ourense

Gardábase un minuto de silencio na Subdelegación do Goberno, no Concello e tamén no exterior da delegación da Xunta

 

Neste mediodía tiñan lugar en Ourense varios actos en memoria das persoas falecidas durante a emerxencia sanitaria do coronavirus. Así o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, sumábase ao minuto de silencio convocado ás doce do mediodía en sinal de homenaxe, memoria e respecto ás vítimas do coronavirus. O acto tivo lugar ás portas da sede da Subdelegación e contou coa presenza de mandos policiais e de persoal da Administración Xeral do Estado na provincia.

Emilio González lembrou ás 131 persoas falecidas en Ourense e ás máis de 27.000 no conxunto do Estado, cun “recordo especial ás ourensás e aos ourensáns que faleceron con motivo desta pandemia” e enviando unha mensaxe de solidariedade “aos seus familiares e achegados”.

Por outra banda, tamén ás 12h. realizábase unha concentración en memoria das vítimas da pandemia no edificio administrativo da Xunta (Casa do Chocolate). Durante a concentración gardábase un minuto de silencio.

O loito oficial en todo o Estado polos falecidos a causa da pandemia do COVID-19 foi aprobado onte en Consello de Ministros. Deu comezo esta medianoite e prolongarase ata a medianoite do sábado 6 de xuño. Durante este período de dez días de loito oficial, o máis longo da historia democrática española, a bandeira nacional ondeará a media asta no exterior, e cun crespón na moharra do mastro no interior, en todos os edificios públicos e buques da Armada.

 

 

Finalmente, tamén ás 12h. no exterior do  Concello de Ourense gardábase un minuto de silencio en memoria dos falecidos na pandemia, adheríndose deste xeito á iniciativa da FEMP en recordo e respecto á memoria dos quese foron.

Artigos relacionados

Back to top button