O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ata Sobradelo, no concello de Carballeda de Valdeorras para, acompañado da súa alcaldesa, María del Carmen González, supervisar o estado das obras para o embelecemento da contorna de afección ao Camiño de Inverno mediante a retirada de contenedores e residuos, nas que a Axencia de Turismo de Galicia achegou 30.000 euros, ao abeiro da orde de axudas para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas en municipios de ata 10.000 habitantes.
Nesta actuación, tal e como explicaba a alcaldesa, apostouse por botar man da memoria visual deste municipio ao mesmo tempo que se poñía en valor á súa veciñanza, rescatando fotos antigas con diferentes momentos do pasado da vila para cubrir a zona dos contenedores, aos que tamén se lles dotaba dunha suxección.
“Hai que agradecerlle aos veciños, son escenas de vidas dos nosos antepasados do pobo,algúns coñecémolos, e mesmo hai xente maior anda mirando se se ve”, comentaba a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, quen agradecía tamén o apoio da Xunta e adiantaba a súa intención de pedir novos apois para estender esta actuación, cunha gran acollida da veciñanza, a outras zonas do municipio. “Tratamos de embelecer o núcleo con xente do seu entorno, ao mesmo tempo que lle damos unha solución estética ao tema dos contenedores”, engadía.

Durante a súa visita, o delegado territorial subliñou que na última resolución destas achegas, a Xunta destinou preto de 920.000 euros a 31 concellos da provincia de Ourense co fin de impulsar e consolidar a actividade turística nas contornas rural, e ao mesmo tempo promover a diversificación turística polo territorio da comunidade. Nesta liña, detallou que os municipios beneficiados por esta liña de subvencións foron Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Verea, Maside, Oímbra, Bande, Vilar de Barrio, O Bolo, Allariz, Arnoia, Larouco, Sandiás, Cualedro, Muíños, Lobios, A Peroxa, Castrelo do Val, A Merca, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, A Teixeira, Leiro, Petín, Vilariño de Conso, Ribadavia, Melón, Lobeira, Montederramo, Castrelo de Miño, Cartelle e A Gudiña.
Esta orde, dotada de 2 millóns de euros, procura -segundo Manuel Pardo- a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.

O representante do Goberno galego significou que entre os obxectivos básicos deste tipo de axudas están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.
Tamén destacou que mediante estas axudas fináncianse gastos como a mellora na sinalización turística de sendeiros, a iluminación e os accesos a recursos turísticos, así como a posta valor de conxuntos patrimoniais, o acondicionamento de recursos culturais e paisaxísticos ou a recuperación de elementos locais como fontes ou muíños.
Fotos: Carlos G. Hervella.
